Pedro Sánchez revindica na Coruña o rol da muller na ciencia
O Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía da Coruña acolleu esta mañá a celebración nacional do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, coa presencia do presidente do Goberno, Pedro Sánchez. A alcaldesa da cidade, Inés Rey, iniciou o acto reivindicando a necesidade de mulleres referentes na ciencia para as futuras xeracións: "Ás nenas, e falo polas que o son hoxe pero tamén polas que o fomos, fannos falta referentes porque a vocación científica, como calquera outra, desenvólvese desde idades temperás" explicou.
Ao coloquio acudiron preto dun cento de alumnos e alumnas de ESO e Bacharelato dos IES Rafael Dieste e Salvador de Madariaga, no que interviron a ministra de Ciencia, Innovación e Universidades, Diana Morant; a ministra de Educación, FP e Deporte, Pilar Alegría; e a investigadora, Sara García, primeira astronauta española da ESA. A alcaldesa lembrou que A Coruña é sede da primeira Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial e estableceu como reto inmediato construir un espazo dixital en igualdade: "A fenda dixital é ínfima, a de xénero non. E a intelixencia artificial necesita unha perspectiva en igualdade que só se garante se estamos representadas ao 50%"
Durante a súa intervención, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, situou A Coruña como cidade de referencia en ciencia e tecnoloxía. "Hablar del futuro es hablar de ciencia y precisamente quiero hacerlo aquí en A Coruña, una ciudad que como ha dicho antes la alcaldesa, va a ser la primera Agencia de Supervisión de la Inteligencia Artificial," explicou.
O presidente tamén abordou a falta de referentes femininos como causa de menor taxa de mulleres científicas. "Esto nada tiene que ver con la vocación, con vosotras, sino con la desigualdad de género que durante muchos años ha sufrido el conjunto de la humanidad y la masculinización de la ciencia, pues como decía bien antes la alcaldesa, siempre recordamos referentes hombres en ciencia, deporte y tantos otros ámbitos y sin embargo pocas mujeres".
Pedro Sánchez avanzou que o Goberno de España creará unha Oficina Nacional de Asesoramento Científico co obxectivo de dotar de ferramentas aos investigadores e investigadoras do país.