Pedro Blanco destaca o centro de reciclaxe de Cortizo en Coirós como exemplo do modelo industrial que impulsa o Goberno

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, situou a Cortizo como un exemplo do modelo industrial polo que aposta o Executivo estatal para Galicia durante a súa visita ao novo Centro de Reciclaxe de aluminio da compañía en Coirós.
Blanco coñeceu as instalacións acompañado polo presidente da Corporación Cortizo, José Manuel Cortizo; o director da planta, Francisco Lestón; o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde; e os alcaldes de Padrón e Rianxo, Anxo Rei e Julián Bustelo.
Durante a visita, o delegado puxo en valor o apoio do Goberno a proxectos de empresas galegas consideradas tractoras da economía, como os desenvolvidos por Cortizo, que recibiu 14,7 millóns de euros para actuacións relacionadas coa modernización, a innovación e a sustentabilidade dos procesos produtivos da cadea de valor metalúrxica.
Parte destes investimentos están vinculados ao Plan de Recuperación. Entre eles, o Ministerio de Industria e Turismo concedeu recentemente á compañía preto de 8 millóns de euros para novos proxectos industriais. Ademais, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico destinou máis de 4,5 millóns de euros, a través do PERTE de Economía Circular, a unha iniciativa para a fabricación sostible de perfís de PVC con materiais reciclados mediante tecnoloxías avanzadas.
Pedro Blanco afirmou que estas actuacións forman parte do compromiso do Goberno de España por “reforzar a competitividade das empresas galegas”, apoiando investimentos que xeran riqueza, emprego de calidade e contribúen á reindustrialización do territorio.
“O apoio a empresas como Cortizo non só fortalece a súa capacidade para competir, senón que acelera a transformación do tecido produtivo galego cara a un modelo máis innovador, sostible e con maior valor engadido. Esa é a folla de ruta do presidente do Goberno de España: acompañar ás empresas que invisten, innovan e crean emprego de calidade”, sinalou o delegado.
Na súa visita, Blanco tamén destacou a posta en marcha do novo Centro de Reciclaxe de aluminio de Coirós, que cualificou como “un magnífico exemplo de economía circular”.
“Esta planta demostra que é posible crecer sendo cada vez máis respectuosos co medio ambiente, situando a sustentabilidade e a innovación no centro da actividade industrial”, engadiu.
As novas instalacións supuxeron un investimento de 38 millóns de euros e ocupan unha superficie de 29.000 metros cadrados. Desde a súa posta en funcionamento, Cortizo trasladou a este centro todo o proceso de reciclaxe de aluminio que anteriormente desenvolvía en Padrón.
A planta de Coirós ten capacidade para producir anualmente 100.000 toneladas de tocho de aluminio reciclado posconsumo, unha materia prima destinada ao proceso de extrusión.