Pedro Blanco agradece o traballo dos empregados públicos para a cita electoral

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, agradeceu o traballo e compromiso dos empregados e empregadas públicos para o correcto funcionamento das eleccións xerais do 29 de novembro. Fíxoo durante a supervisión do dispositivo loxístico despregado nunha nave do polígono de Pocomaco, na Coruña, onde se leva a cabo a preparación do material electoral para o 29N.
A Delegación do Goberno e as catro Subdelegacións avanzan na distribución de 31.519.545 de papeletas (28.531.481 para o Congreso e 2.988.064 do Senado), 785.145 menos que nas anteriores eleccións xerais do 2023. Por provincias, A Coruña conta con 13.250.000 papeletas; Lugo, 2.700.000 unidades; Ourense, 4.072.895 e Pontevedra, 11.496.650. Ademais, repártense 7.824 urnas e 3.596 cabinas na Comunidade.
Pedro Blanco destacou que que 2.528 representantes da Administración, que recibiron formación previa en diferentes municipios, velarán polo normal transcurso da xornada nas mesas electorais, mentres que 267 traballadores e traballadoras da Delegación e das Subdelegacións son os encargados de preparar o material electoral.
As 3.912 mesas estarán repartidas en 2.307 colexios electorais e atendidas por 11.766 membros titulares nos 313 concellos galegos. Durante o día das eleccións, na sede da Delegación do Goberno e nas Subdelegacións haberá persoal habilitado para solucionar calquera incidencia que poida xurdir cos representantes, a constitución das mesas ou o material, en colaboración coas Xuntas Electorais.
O censo electoral para o 29N está formado por 2.734.437 galegos e galegas, dos que 77.915 o farán por primeira vez nunhas eleccións xerais ao ter cumprido os 18 anos desde a última cita deste proceso. Do total, 517.063 forman o censo de españois residentes no estranxeiro (CERA).
O delegado subliñou o importante despregamento de efectivos de seguridade para garantir o exercicio libre do dereito ao voto. Este persoal situarase nos centros de votación, nos seus accesos e demais puntos de interese da xornada. A previsión apunta a que 7.697 efectivos de seguridade, entre Policía Nacional, Garda Civil e Policías Locais, integrarán este dispositivo.