Patronal e sindicatos vólvense sentar hoxe, 30 de xaneiro, para tentar evitar a folga indefinida dos autobuses na provincia da Coruña

ACoruñaXa
A mediación está convocada no Consello Galego de Relacións Laborais, en Santiago, a tres días do paro anunciado para o 2 de febreiro se non hai acordo
A CORUÑA folga bus (2)
30 Jan 2026

A negociación do convenio do transporte de viaxeiros por estrada na provincia da Coruña xógase este venres nun novo intento de mediación. Patronal e sindicatos teñen unha cita hoxe no Consello Galego de Relacións Laborais para explorar unha saída que permita desactivar a folga indefinida prevista para o luns 2 de febreiro, despois de semanas de paros intermitentes e dun diálogo encallado.

A reunión chega tras o fracaso do último encontro, que rematou sen avances e sen achegamento de posturas. Segundo relataron as partes, aquel intento quedou condicionado por reproches cruzados: as empresas insistiron en vincular o retorno á mesa á fin dos presuntos sabotaxes e a unha condena pública dos feitos, mentres que os sindicatos reprochan falta de vontade real para negociar un novo marco laboral.

Desde o lado sindical, a prioridade pasa por retomar a negociación sobre salarios e xornadas. A CIG, por exemplo, lembra que o persoal leva conxelación salarial desde 2024 e denuncia quendas e permisos ‘desfasados’ respecto da normativa vixente, un escenario que, advirten, empurra o sector ao paro sen data de fin se non hai cambios.

A patronal, pola súa banda, asegura que o obxectivo do encontro é, cando menos, gañar tempo e abrir unha fenda para evitar o paro indefinido, e fontes de Transgacar apuntan a que están dispostos a prolongar as conversas ‘as horas que fagan falta’ se hai predisposición ao diálogo.

⚙ Configurar cookies
0.079030990600586