Parkinson Galicia inicia as obras da súa nova sede en Espacio Coruña para ampliar a atención a 600 persoas

ACoruñaXa
O novo local, de 736 metros cadrados, duplicará a superficie das actuais instalacións e permitirá incorporar novos servizos como terapia ocupacional e unha unidade de atención diúrna
inicio-obras-parkinson-coruna
19 Sep 2026

A Asociación Parkinson Galicia-Coruña iniciou este sábado as obras da súa nova sede, situada na segunda planta de Espacio Coruña, nun proxecto que permitirá á entidade ampliar de maneira significativa a súa capacidade de atención e mellorar os servizos que ofrece ás persoas con párkinson e parkinsonismos e ás súas familias.

O novo espazo conta con 736 metros cadrados, o que supón duplicar a superficie da actual sede situada na rúa dos Xasmíns. A reforma está previsto que comece no último trimestre deste ano e permitirá á asociación afrontar unha nova etapa cunhas instalacións máis amplas e adaptadas ás necesidades das persoas usuarias.

A nova sede permitirá duplicar tamén a capacidade de atención semanal, pasando das preto de 300 persoas actuais a unhas 600. O incremento de superficie facilitará a ampliación dos espazos destinados ás diferentes áreas asistenciais e a incorporación de novos servizos, entre eles terapia ocupacional e unha unidade de atención diúrna.

O proxecto permitirá ademais reducir as listas de espera e facilitar o acceso a unha atención especializada, co obxectivo de mellorar a autonomía, o benestar e a calidade de vida das persoas afectadas e das súas familias.

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e a directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, participaron este sábado no acto institucional que marcou o inicio das obras e puxeron en valor a traxectoria da entidade, creada en 1996 por persoas afectadas pola enfermidade e os seus familiares.

Ao longo destas tres décadas, Parkinson Galicia-Coruña converteuse nunha entidade de referencia na atención ás persoas con párkinson, centrando o seu traballo na mellora da súa calidade de vida e na das súas familias mediante unha atención especializada e un acompañamento continuado.

Na actualidade, a asociación conta con máis de 700 persoas socias e presta atención directa a preto de 300 persoas usuarias, ademais de ofrecer apoio ás súas familias e persoas achegadas. A entidade realiza ao redor de 25.000 intervencións ao ano.

Durante o acto, Begoña Abeijón destacou tamén a colaboración da Xunta coa asociación a través das axudas do 0,7% do IRPF, destinadas tanto a financiar programas de atención social e asesoramento especializado como investimentos en equipamentos. Neste sentido, sinalou o compromiso do Goberno galego para apoiar a construción da nova sede, que permitirá ampliar os servizos e seguir ofrecendo unha atención especializada.

A directora de Parkinson Galicia-Coruña, Mila Oreiro, destacou que o inicio das obras coincide ademais co 30 aniversario da entidade e considerou o proxecto como unha nova etapa para a asociación. Pola súa banda, o presidente, Antonio Ferreiro, cualificou o inicio dos traballos como “un verdadeiro fito para a Asociación e para a atención ás persoas con párkinson e parkinsonismos na Coruña e a súa contorna”.

Ferreiro explicou que o novo espazo permitirá avanzar cara a un centro integral de atención especializada que sexa tamén “un espazo humano, acolledor e aberto”, no que as persoas poidan sentirse acompañadas, seguras e activas.

A nova sede pretende converterse así nun punto de encontro e nun recurso especializado desde o que Parkinson Galicia-Coruña poida ampliar a súa actividade e dar resposta ao crecemento da demanda, ofrecendo máis servizos e acompañamento ás persoas afectadas e ás súas familias.

0.16009998321533