París de Noia, Panorama e Chenoa actuarán nas festas de Betanzos

ACoruñaXa
Betanzos prepara un verán repleto de eventos culturais e festivos, entre eles a tradicional festa dos Caneiros
Imaxe da alcaldesa de Betanzos na presentación das festas
16 Xul 2024

“Betanzos non para”. Baixo ese lema, a alcaldesa, María Barral, presentou as actividades previstas polo Concello para as próximas semanas entre as que destacan as festas do próximo mes de agosto para as que Betanzos contará coa presenza das orquestras como Panorama ou París de Noia, a maiores dun concerto de Chenoa ou das xiras a Os Caneiros e o lanzamento do Globo.

A primeira edil comezou a súa comparecencia facendo balance da Feira Medieval celebrada durante o últimos catro días. Mostrou a súa “satisfacción polos resultados, tanto polas miles de persoas que durante os catro días pasáronse polas rúas de Betanzos como polo que os propietarios profesionais dos postos e da hostalería trasladáronnos. Foron catro días intensos, con numerosas actividades e representacións, nos que os betanceiros e betanceiras volvemos gozar da historia e dunha contorna única como o noso centro histórico”. Agradeceu aos betanceiros e betanceiras a súa implicación na feira para que este “evento chegase onde chegou tras estes 25 anos de vida”.

Anunciou todo o amplo programa de actividades culturais e deportivas que se desenvolverán durante as próximas semanas, antes das festas de agosto, que comezarán hoxe mesmo coa Semana Internacional de Cine, que este ano está dedicada a Luis Tosar. “Haberá actividades diarias no cinema para concluír o sábado coa tradicional Alfombra Vermella e a presenza en Betanzos de Luis Tosar. Esperamos moitos anos para poder dedicar, máis que merecidamente, a Semana ao actor galego, que o sábado recibirá o premio en recoñecemento a toda a súa traxectoria”.

Logo do cine virá o XIII Festival BetanJazz na praza da constitución os días 20 e 21 deste mes a partir das 21.30 horas con Miguel González-Cuarteto, o día 20; e con Pablo Sanmamed e Benxamín Otero, o día 21, antes de dar paso ás celebracións do Día de Galicia ou o Vai de Rúa, con actividades e actuacións en numerosas zonas da cidade.

Balconadas, a bienal de pintura que organiza o Concello e que decorará as rúas do centro histórico para convertelo nun museo ao aire libre, será outro dos eventos que acollerá Betanzos nas próximas semanas. Estes días o Concello comezará a colocar as obras nos balcóns das vivendas do centro histórico. Alí permanecerán ata finais de agosto. A edición deste ano contará con máis dun centenar de obras chegadas de  Estados Unidos, Luxemburgo, Francia, ou Portugal; da Coruña, Ourense e Pontevedra, en Galicia; ademais de Madrid, Barcelona, Zaragoza, Canarias, Málaga, Valencia e León.

Barral explicou que agosto se iniciase co Caneiros en Familia que terá lugar o día 3 de agosto, con desprazamento ao campo para participar neste “xira especial” Nos próximos días daranse a coñecer os horarios e o prazo de inscripción.

As festas de San Roque, que terán o día 13 o día previo co concerto Cidade de Betanzos.  O día 14 comezarán as festas co pregón a cargo do piragüista betanceiro Carlos Arévalo, que participará nos Xogos Olímpicos de París. “Queremos que ese pregón sirva tamén de recoñecemento a el e ao que significa levar o nome de Betanzos a unhas olimpíadas. Oxalá que ese pregón poida ofrecelo con algunha medalla”, indicou alcaldesa.

Ese día será tamén o da Representante Maior das festas, Alicia Barral Dans; e a entrega dos premios Garelos a Confeccións Chela; Libraría Biblos e Club Xadrez Betanzos. Ese primeiro día o rock terá o seu protagonismo co grupo Claxxon e as súas versións de rock.

O día 15 o pregoeiro infantil será Sergio Abrodos Sobrino e a Representante Infantil das festas Flavia Mosteiro Martínez. Pola noite, a actuación de orquéstra Panorama.

O Globo volverá a ser a protagonista do día 16. A alcaldesa indicou que a comisión técnica da Fundación do Globo de San Roque avanza na elaboración, grazas ao esforzo e traballo dos colaboradores, e que o día 16 Betanzos volverá ver no ceo o seu Globo. Esa noite, a actuación correrará a cargo de orquéstra Zona Cero.

O día 17 continuarán as actuacións na praza García Irmáns con Carlos Bao como teloneiro, dun concerto tributo a Mecano “Filla da Lúa”.

O 18 o primeira xira a Os Caneiros e a actuación de orquéstra Cinema e a 19 xornada dedicada ao público infantil cun espectáculo na praza da Constitución. Nesa mesma praza, o día 20 actuará Santi Santos, do mítico grupo dos Limóns; e tamén no centro histórico, o día seguinte a actuación de Rosa Cedrón, dentro da xornada dedicada a Galicia.

Os Satélites o día 22; a banda tributo aos anos 80-90 “The Hottubes” o día 23; o concerto de Chenoa o día 24 deixarán paso a segunda xira a os Caneiros, o día 25, co fin de festas, despois de once xornadas, coa actuación da orquestra París de Noia.

A primeira edil indicou que se trata dunha ampla programación de actividades para todas as idades. Con non só concertos senón eventos deportivos e de lecer nas que Betanzos volverá ser referente do verán galego e onde se prevé “maior afluencia de xente xa non só polo programa en si senón tamén por coincidir os días grandes en véspera de fins de semana ou ponte”.

Haberá por iso dispositivos especiais de seguridade, con Policía Local e Garda Civil, tal e como se reflectiu na Xunta Local de Seguridade; e puntos violeta os días de maior afluencia.

 

0.090003967285156