Palexco acolle a Gala do Premio Xove Empresaria/o e Iniciativa Emprendedora de Galicia

ACoruñaXa
O Concello da Coruña destacou proxectos como a Cidade das TIC ou a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (Aesia)
20250213ConselleiroPremiosAJE3
14 Feb 2025

Palexco foi o escenario da XIV edición da Gala do Premio Xove Empresaria/o e Iniciativa Emprendedora de Galicia, organizada pola Asociación de Xoves Empresarios (AJE) Galicia. Participou no acto a concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas, que puxo en valor a importancia do talento emprendedor para o crecemento económico e a consolidación da cidade como referente innovador en Galicia.

“A Coruña está a vivir un momento de transformación e consolidación como referente económico. O noso obxectivo é seguir apostando pola especialización, a innovación e a captación de talento”, sinalou a concelleira. Ademais, destacou datos que reflicten o dinamismo da cidade, como o crecemento poboacional por riba dos 250.000 habitantes e os niveis históricos de redución do desemprego. Tamén puxo en valor proxectos estratéxicos como a Cidade das TIC e a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (Aesia), que reforzan a posición da Coruña na transición dixital e tecnolóxica.

Cabanas lembrou que o Concello conta con dous viveiros de empresas e que recentemente se modificou a ordenanza para facilitar o acceso ao emprendemento a aqueles que desexen poñer en marcha un proxecto empresarial na cidade.

O evento contou coa presenza de destacadas personalidades institucionais e do sector empresarial, entre eles o presidente de AJE Galicia, Luciano Covelo; a presidenta de AJE A Coruña, Eva Rosende; o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, José González; e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín G. Formoso.

Estivo tamén presente o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, que reivindicou o papel do Goberno como “o mellor aliado das empresas e dos autónomos”. Blanco salientou a importancia de aproveitar a capacidade e iniciativa da mocidade galega, garantindo oportunidades que permitan a aparición de novos proxectos empresariais.

A concelleira participou na entrega dos premios, destacando a importancia do apoio institucional para fomentar o emprendemento e consolidar un ecosistema innovador na cidade. “Emprender é non resignarse, é actuar con rebeldía e inconformismo. Desde a administración seguiremos apoiando todas aquelas iniciativas que permitan construír unha cidade moderna, competitiva e con futuro”, subliñou Cabanas.

Participou no acto tamén o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, que destacou a colaboración da Xunta con AJE e o papel desta entidade na captación de talento mozo e no pulo á remuda xeracional do tecido empresarial. Nesta liña, expuxo que se trata dun exemplo da colaboración público- privada pola que aposta a Xunta para facer fronte a estes retos e felicitou ás persoas candidatas e ás premiadas na gala de hoxe.

Parte desta colaboración, expuxo, reflíctese no convenio entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e esta entidade en materia de emprendemento, ao que se dará continuidade este ano para seguir contribuíndo a xerar sinerxías coa rede de polos de emprendemento, así como a desenvolver accións de asesoramento e mentorizacións para a creación de empresas.

0.12712001800537