Palexco abre as portas ás exposicións de ‘Marcopola’ e ‘Os Simpsons’ como adianto de Viñetas desde o Atlántico

ACoruñaXa
As dúas mostras inauguran a programación expositiva do festival e poderán visitarse de balde ata setembro antes da celebración da semana central do certame
viñetas-desde-atlantico-2026
31 Jul 2026

A Coruña comeza a quentar motores para unha nova edición de Viñetas desde o Atlántico coa apertura en Palexco de dúas das exposicións máis destacadas da programación deste ano. Desde este xoves, o público pode descubrir o universo creativo de Marcopola, obra do autor galego Jacobo Fernández, e unha completa colección dedicada a Os Simpsons, pertencente ao animador Raúl García.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, participou na inauguración das mostras, que supoñen un adianto do festival, cuxa semana principal se celebrará entre os días 10 e 16 de agosto. Durante a súa intervención destacou que Viñetas desde o Atlántico se consolidou como un proxecto cultural que vai máis alá dunha semana de actividades, estendéndose durante varios meses e levando a banda deseñada a diferentes espazos da cidade.

Nesta edición, o festival reunirá máis de setenta autores e autoras, decenas de exposicións e máis dun cento de actividades, cun programa que pon o foco na memoria histórica e social como eixo temático. O Goberno local subliñou a súa aposta por unha programación diversa e accesible, que emprega a banda deseñada como ferramenta de creación, reflexión e divulgación.

Un dos grandes atractivos de Palexco será a exposición dedicada a Jacobo Fernández, que percorre a súa traxectoria artística desde os primeiros traballos ata a consolidación da serie Marcopola, convertida nun referente da banda deseñada infantil galega. A montaxe inclúe unha escenografía especialmente deseñada para o público familiar, coa colaboración de alumnado da Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso.

Xunto a ela poderá visitarse ‘Un paseo por Springfield. Os Simpson na colección de Raúl García’, unha mostra que reúne libros, cómics, figuras e diverso material relacionado coa popular familia amarela. Entre as pezas máis destacadas figuran ilustracións orixinais e dedicatorias asinadas polo creador da serie, Matt Groening. A exposición tamén rende homenaxe á traxectoria de Raúl García, primeiro animador español en incorporarse aos estudos Disney e colaborador en varios episodios da coñecida produción televisiva.

O director do festival, Manel Cráneo, destacou a importancia destas dúas propostas como anticipo dunha edición que aspira a atraer un amplo público familiar e consolidar Viñetas desde o Atlántico como unha das grandes citas estatais dedicadas á banda deseñada.

A programación deste ano espallarase por máis dunha decena de sedes repartidas pola cidade, entre elas o Kiosco Alfonso, o Palacio Municipal de María Pita, a Casa Museo Picasso, a Fundación Luís Seoane, a Casa das Ciencias ou a Sala Salvador de Madariaga. As exposicións abordarán desde a memoria democrática ata o cómic galego contemporáneo, incorporando tamén novas sedes e propostas paralelas.

Ademais das mostras, o festival ofrecerá máis de cen actividades para todos os públicos, entre elas obradoiros, encontros con autores, presentacións, proxeccións, teatro, concertos ilustrados, gravacións de podcast, visitas guiadas e sesións de sinaturas.

As exposicións de Palexco poderán visitarse gratuitamente ata setembro en horario de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas.

PROGRAMACIÓN

0.1192090511322