Paderne viste de violeta o 8M cun programa de coeducación, saúde e unha andaina popular

O Concello de Paderne súmase á conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, cunha axenda de tres propostas centradas na sensibilización e na reivindicación da igualdade. As actividades desenvolveranse entre o xoves 5 e o sábado 7 de marzo, con iniciativas dirixidas tanto á mocidade como ao conxunto da veciñanza.
O programa arrinca o xoves 5, ás 11.30 horas, no Fogar do Maior, cunha actividade de coeducación destinada ao alumnado das escolas unitarias do municipio. A xornada busca educar e concienciar sobre a importancia da igualdade a través do xogo e de dinámicas participativas.
Un día despois, o venres 6, tamén no Fogar do Maior, celebrarase o obradoiro 'Muller e Saúde', previsto entre as 16.30 e as 20.30 horas. A actividade, organizada polo Sergas, pretende promover o benestar físico e emocional das mulleres, con contidos vinculados a hábitos saudables e á prevención de enfermidades.
O peche do programa chegará o sábado 7. Ás 17.00 horas, no baixo da Casa do Concello, realizarase a lectura do manifesto do 8M e, a continuación, sairá unha andaina cara Velouzás. O percorrido é de 3,5 quilómetros e, ao remate, as persoas participantes poderán gozar dunha chocolatada no Vimieiro. Para participar é necesario inscribirse antes do 4 de marzo chamando ao 981 79 70 01. A andaina poderá ser suspendida en función da climatoloxía.