Paderne saca adiante con seis votos a favor os orzamentos do 2024

ACoruñaXa
O equipo de goberno engadiu tras a nova rolda de negociacións un incremento de 43.000 euros nas contas para dotar de máis financiamento estudos técnicos xa previstos en augas e ciberseguridade
Imaxe da casa do Concello de Paderne
7 Xuño 2024

O pleno do Concello de Paderne aprobou os orzamentos propostos polo equipo de goberno para este 2024, cuns gastos e ingresos de 2.329.730 euros. Durante o pleno extraordinario celebrado na tarde-noite deste xoves, os seis votos a favor de PSOE, BNG e o concelleiro non adscrito permitiron dar luz verde ás contas para este ano, a pesares dos cinco votos en contra do Partido Popular.

O equipo de goberno liderado polo alcalde, Sergio Platas, logrou certificar os primeiros orzamentos deste mandato despois de ter negociado con todos os grupos políticos por segunda vez. Nesta segunda quenda de diálogo, o PSOE volveu escoitar as propostas da oposición, como xa fixera nas semanas previas ao pleno extraordinario de maio, no que os orzamentos non se aprobaran.

“A pena é que somos 11 concelleiros e tivemos que facer os orzamentos coas aportacións de só 6”, lamentou Platas antes de dar paso á votación, na que o BNG e o concelleiro non adscrito, Salvador García, apoiaron as contas. Fixérono despois de que o executivo local engadise 43.000 euros máis ao documento contable. 30.000 euros corresponden a estudos previstos para abastecemento e saneamento e os 13.000 restantes, para cuestións de ciberseguridade.

Ambos os dous investimentos estaban xa previstos polo equipo de goberno xa que, como explicaron, “a auga e o saneamento son dous dos piares básicos” do seu xeito de facer política. Ademais, modificouse o apartado das subvencións, que xa non serán todas nominativas a pesares de que así viña sendo de xeito histórico, xa que o Concello dispón dun pequeno tecido asociativo que non indicaba a necesidade de abrir réximes de concorrencia competitiva.

Tras a intervención de Pedro López, voceiro do PP, destacando que “estes orzamentos non cambian nada”, recalcando que o equipo de goberno “non sabe absolutamente nada neste tema” e deixando entrever o seu voto en contra, falou o edil de Economía, Ángel Germade.

O responsable da área no goberno socialista recoñeceu que lle sorprendía “cero” a postura do PP despois de que “votasen en contra do POS por primeira vez e tamén en contra dos orzamentos” hai un mes. “Vides aquí a armar lío. Nós fixemos os orzamentos con toda a modestia do mundo. Esa é a vosa postura. Hai que fiscalizar na oposición, pero pódense facer cousas. Facedes cero aportacións. Votar en contra dos orzamentos do POS e dos orzamentos é votar en contra de Paderne”, recalcou Germade. “Se vós tiverades feitos os orzamentos e os presentaramos nós, votaríades en contra. Ese é o voso espírito”, engadiu.

Sobre os orzamentos, Ángel Germade lembrou o incremento en Servizos Sociais, que é 11% e se trata da partida máis importante deste documento, con 457.164 euros (o 20% do total). “Tamén a auga e o saneamento son outra das nosas prioridades. E o demostramos pasando de 40.000 a case 180.000 euros”, apuntou o responsable da área económica. Ademais, a partida destinada aos desbroces de camiños medraron un 119%.

0.20580911636353