Paderne retoma os obradoiros de 'Cociña divertida' para ensinar alimentación saudable e técnicas gastronómicas á rapazada

O Concello de Paderne volve poñer en marcha os talleres de 'Cociña divertida', unha iniciativa coa que busca promover hábitos de vida saudables e, ao tempo, favorecer a socialización entre a veciñanza máis nova. A proposta céntrase en aprender os beneficios dunha boa alimentación, coñecer as propiedades dos produtos de proximidade e practicar distintas técnicas gastronómicas para realizar elaboracións propias.
Os obradoiros están destinados a escolares empadroados no municipio con idades comprendidas entre os 6 e os 16 anos. Haberá dúas quendas: o grupo 1 será para nenas e nenos de 6 a 10 anos, mentres que o grupo 2 está pensado para mocidade de 11 a 16 anos.
As actividades desenvolveranse no Local Social de Quintas os sábados 24 e 31 de xaneiro e 7 e 14 de febreiro. O horario do grupo 1 será de 10.30 a 12.00, e o do grupo 2 de 12.15 a 13.45. A admisión farase por rigorosa orde de inscrición, que xa está aberta e pode realizarse tanto a través da sede electrónica como nas oficinas administrativas do Concello.
O alcalde, Sergio Platas, subliñou a importancia deste tipo de iniciativas e destacou que están impartidas por persoal cualificado. 'Son moi importantes para fomentar hábitos saudables e achegar ferramentas gastronómicas ás novas xeracións', indicou, engadindo que en cada edición se rexistra un alto nivel de participación e que é unha satisfacción ver á rapazada 'pasalo ben facendo pratos de verdadeiro concurso'.