Paderne renova os parques infantís do Consistorio e de Medín

ACoruñaXa
O Condello de Paderne apostou por investir máis de 92.841,49 euros de fondos propios na renovación de dous parques infantís
Imaxe do parque do Consistorio en Paderne
15 Mar 2024

O Concello de Paderne modernizou tres lugares de ocio e esparexemento da localidade. O goberno local, liderado por Sergio Platas, apostou por investir máis de 92.841,49 euros de fondos propios na renovación de dous parques infantís.

Por unha banda, o executivo impulsou a rehabilitación total do parque infantil situado a carón do Consistorio, do Centro de Saúde e da parada de autobús. Trátase dun espazo moi utilizado pola cativada pola súa localización no núcleo do municipio, como pola súa proximidade a estes servizos centrais.

Os traballos realizados consistiron no desmontado do vello pavimento elástico e na instalación dun novo firme de 40 milímetros de caucho sobre peza caliza. A maiores, fíxose un muro de contención no lateral e colocouse un valado de madeira de pino e unha nova zona de xogos con ponte colgante, torre para trepar, balcón, tobogán e asentos e tenda.

O parque do Consistorio xa puido ser ‘inaugurado’ polo alumnado das escolas unitarias que acudiu a pasada semana á representación da obra de teatro no Concello dentro das actividades polo 8M.

O outro parque infantil sobre o que se actuou foi o situado en Medín, na parroquia de Vilamourel. A intervención nesta área de ocio, localizada preto do núcleo de poboación, consistiu no levantado e retirada dos xogos infantís antigos e na instalación dos mesmos ca no espazo do Consistorio. A maiores, introduciuse pedra caliza e pavimento elástico de seguridade feito de caucho tras unha necesaria escavación e se colocou un valado novo, ademais de limpar mesas, bancos e as barbacoas.

“Estas actuacións supuxeron un investimento significativo para o Concello. Pero é un investimento necesario, que facemos co obxectivo de fomentar todas as alternativas de ocio posibles para ofrecer á veciñanza de todas as idades. É importante contar co maior número de servizos na localidade para fixar a poboación. As familias con fillos e fillas son o futuro do noso municipio”, apunta o alcalde, Sergio Platas.

0.21357798576355