Paderne renova case 6.000 metros de firme nas parroquias de Velouzás, Adragonte, Vigo e Vilamourel

ACoruñaXa
O primeiro proxecto de pavimentación, en Velouzás, xa está rematado, mentres que os de Adragonte e Vigo-Vilamourel arrincaron na última de agosto
Velouzás
3 sep 2024

O Concello de Paderne renova case 6.000 metros de firme a través de tres proxectos de pavimentación de vías en catro parroquias da localidade. As actuacións complementan ás realizadas nos meses precedentes noutros puntos da localidade e terán continuidade con dous novos plans en Vilamourel e Quintas. Estas iniciativas entran dentro da liña de goberno do executivo local, que pretende impulsar unha mellora das condicións da rede de circulación municipal, actuando de xeito progresivo en función das deficiencias detectadas nas capas de rodaxe.

O primeiro dos tres proxectos iniciais desta quenda, en Velouzás, xa está completamente rematado. Concretamente, actuouse sobre 3.000 metros de camiños en Condós a través da limpeza do pavimento e as marxes da vía, o aglomerado con formigón, a instalación dun colector enterrado e o desenvolvemento dun sumidoiro de calzada para o desaugue de pluviais. O custo da obra foi de 58.268,34 euros, financiados a través do Plan Único da Deputación.

A maiores, Paderne xa ten en marcha outras dúas actuacións na rede viaria. Unha delas está a ter lugar na parroquia de Adragonte, concretamente no núcleo urbano da Pedreira. Tras a limpeza do pavimento, levarase a cabo o aglomerado, a formación e limpeza de gabias a ambos os lados da vía e a instalación dun elemento de sinalización vertical. Concretamente, está previsto actuar ao longo de 2.560 metros de vías, o que suma un orzamento total de 70.815,74 euros que serán pagados a través dos fondos POS+2023.

Así mesmo, outra das obras en execución é o proxecto de mellora de camiños municipais nas parroquias de Vigo e Vilamourel que funcionan como vías principais e secundarias. Concretamente entre Medín e Porto dos Carros, estase a facer unha actuación consistente no refino e planeo do camiño con apertura de cunetas, o vertido de base firme de pedra e unha posterior de aglomerado, a instalación dun cano de 30 centímetros de diámetro. Actuarase sobre 1.285 metros nun proxecto que conta cun orzamento de 60.182,98 euros financiados a través de Agader e o Feader.

0.17596697807312