Paderne reforza os seus servizos sociais con 49.000 euros en subvencións da Deputación

ACoruñaXa
O financiamiento permitirá a compra dun vehículo, a contratación de persoal de igualdade e o desenvolvemento do proxecto de Envellecemento Activo
Imaxe de Paderne
21 Jan 2025

Paderne conseguiu 49.000 euros para reforzar os seus servizos sociais a través da obtención de financiamento proveniente de tres liñas de subvencións da Deputación da Coruña. A entidade provincial, mediante procesos de concorrencia competitiva, outorgou a Paderne estas axudas que supoñen unha importante inxección para esta área prioritaria para o goberno local.

Por unha banda, Paderne obtivo 20.000 euros para a adquisición dun vehículo destinado ao persoal de Servizos Sociais. O municipio logrou a terceira mellor puntuación entre os vinte concellos que presentaron a súa proposta, asegurándose unha das cinco axudas dispoñibles. A compra do vehículo dotará ao Concello dun recurso esencial nun municipio de carácter rural e con poboación dispersa.

Ademais, o Concello recibiu 7.000 euros para financiar o seu proxecto de envellecemento activo, o que permitirá reducir a carga económica que este servizo supón para os maiores de 64 anos do municipio.

Finalmente, a área de igualdade entre mulleres e homes contará con 22.000 euros, que cubrirán a remuneración do persoal técnico de igualdade de xénero durante o ano 2025. Nesta convocatoria, Paderne logrou a cantidade máxima outorgada, cubrindo así o total do proxecto presentado.

"Estas achegas de case 50.000 euros representan un importante impulso para o Concello de Paderne e os seus servizos sociais. A nosa aposta por esta área non é só de palabra, senón que a demostramos con feitos, captando financiamento que nos axude a seguir mellorando as prestacións á nosa veciñanza", explicou a edil de Igualdade e Benestar Social, Marisa Abrodos.

Pola súa banda, o alcalde de Paderne, Sergio Platas, apoiou as palabras da súa compañeira de goberno e destacou "a implicación e o traballo do persoal municipal para presentar estes proxectos, que obtiveron a máxima puntuación mediante un proceso de concorrencia competitiva obxectivo". "Sen o bo facer do equipo municipal, non conseguiriamos esta importante cantidade", concluíu Platas.

0.16760921478271