Paderne reabre a piscina municipal catro anos despois do seu peche ao público
A reapertura da piscina municipal de Paderne xa é unha realidade. Desde esta mañá do martes 9 de xuño e a pesares de que o tempo aínda non acompaña, o Concello de Paderne ten abertas as instalacións.
“Trátase dunha apertura moi agardada pola veciñanza despois de que a pandemia obrigará a pechar o espazo de ocio no ano 2020. O verán pasado, unha vez iniciamos o novo mandato, estudamos a posibilidade de volver a ofrecer este servizo, pero as instalacións atopábanse en mal estado e necesitaban unha importante reforma”, explica o alcalde, Sergio Platas.
Deste xeito, o Concello padernés puxo en marcha en novembro a reforma da instalación, que incluíu unha primeira fase un completo traballo de limpeza e renovación do vaso da piscina e do seu perímetro.
Dentro desta actuación tamén se executou unha reforma dos vestiarios, un servizo esencial. A edificación que serve para mudarse e ducharse tiña deficiencias no seu teito e nas paredes. O tellado foi modificado e no interior levouse a cabo unha labor de mantemento importante que cristalizou, sobre todo, coa renovación da fontanaría.
Apertura e prezos
Agora, unha vez rematadas as obras, a piscina permanecerá aberta durante os meses de xullo e agosto todos os días. De luns a domingo, terá un horario ininterrompido de 12.00 a 20.00 horas e contará con servizo de socorrismo.
Os usuarios e usuarias poderán acceder á instalación de dous xeitos: pagando a entrada individual ou adquirindo o abono de tempada. Por unha banda, a acceso de día de 1,80 euros para a rapazada de entre 6 e 18 anos e de 3 euros para maiores de 18. Por outro lado, os abonos de tempada custan 12 euros ou 18 en función do grupo de idade. Ademais, existe un abono de 36 euros para as familias. Estes abonos pódense solicitar a través da sede electrónica ou directamente nas oficinas municipais da Casa Consistorial.
Ademais, o Concello de Paderne tamén ofrecerá desde os próximos días cursos de natación. As formacións, que contarán con varias quendas e unha periodicidade de dous días á semana, teñen un custo total por todo o verán de 6 euros para a rapazada menor de 14 anos e de 12 euros para os maiores desa idade.
“A pesares de ter que investir recursos propios na reforma da piscina, apostamos por ofrecer á nosa veciñanza uns prezos populares. Sempre dentro de que é necesario establecer un custo para pór en valor a instalación e permitir que sexa sustentable, a nosa prioridade pasa por posibilitar que todas as familias e grupos dispoñan da maior oferta de ocio posible en Paderne. E ademais, dun xeito que permita unha accesibilidade universal. Por iso volver a abrir a piscina e facilitar o acceso a toda a veciñanza era un dos obxectivos neste inicio de mandato”, apunta o rexedor.