Paderne pecha os obradoiros de ‘Cociña divertida’ tras dous meses de aprendizaxe e participación

O Concello de Paderne puxo o broche final aos obradoiros de ‘Cociña divertida’, unha proposta que durante case dous meses encheu o Local Social de Quintas de mandís, receitas e ganas de aprender. O alcalde, Sergio Platas, e a concelleira de Servizos Sociais, Marisa Abrodos, achegáronse á última clase para acompañar á rapazada nun peche que deixou, segundo o Concello, ‘moi bo sabor de boca’.
As sesións, impartidas todos os sábados desde mediados de xaneiro, estiveron dirixidas a estudantes de 6 a 16 anos empadroados en Paderne e tiveron como fío condutor a alimentación saudable. Ao longo do programa, os participantes foron coñecendo mellor os produtos de proximidade, os sabores de cada alimento e as combinacións posibles para preparar pratos equilibrados e apetecibles.
A parte práctica foi unha das chaves do éxito. Pasar da teoría aos fogóns permitiulles descubrir técnicas básicas de cociña e manexar utensilios con máis seguridade, sempre desde un enfoque didáctico e adaptado ás idades. A última sesión estivo guiada polo chef Miguel Montero Coello, que acompañou ao grupo tamén nesta xornada final.
Dende o goberno local lembran que ‘Cociña divertida’ non é unha novidade, senón unha iniciativa que se repite edición tras edición cunha alta resposta. O rexedor atribúe a boa acollida a que a rapazada ‘ve a cociña como algo divertido á vez que educativo’, aprendendo a observar, escoitar e preparar receitas compartindo experiencia en grupo.