Paderne pecha o acceso á praia da Xurela polo risco de desprendementos

ACoruñaXa
O Concello instala un valado de seguridade na pasarela e nas escaleiras de acceso ao areal mentres non se corrixan as deficiencias detectadas
PADERNE peche praia Xurela
3 Aug 2026

O Concello de Paderne acordou pechar o acceso á praia da Xurela, no lugar de Insua, tras detectar un risco para a seguridade das persoas que utilizan a pasarela de formigón e as escaleiras que conducen ao areal. Como medida preventiva, instalouse un valado de seguridade e sinalización de advertencia para impedir o paso ata que se resolvan as deficiencias existentes.

A decisión adoptouse despois da elaboración dun informe técnico municipal que conclúe que, aínda que a vivenda situada na contorna non presenta problemas estruturais, a pasarela, o peche perimetral e as escaleiras de acceso atópanse nun estado que non garante un uso seguro. Segundo o documento, estes elementos apoian sobre un terreo afectado pola erosión, o que provocou a aparición de fendas, desprazamentos cara ao desnivel e danos nas varandas.

O Concello explica que a actuación responde ás súas competencias en materia de Protección Civil e Seguridade Cidadá e lembra que mantivo reunións tanto co servizo de Costas da Xunta de Galicia como coa Demarcación de Costas do Estado para analizar a situación e coordinar as actuacións necesarias.

A maior parte do acceso á praia discorre por terreos de titularidade privada, agás o tramo final, que pertence ao dominio público marítimo-terrestre. Para evitar confusións, o Concello sinalizou o punto no que remata o camiño municipal e comeza o acceso privado, reforzando ademais a información ás persoas usuarias coa instalación de carteis de advertencia.

A administración local tamén notificou a situación aos titulares das parcelas afectadas, aos que requiriu a presentación dun proxecto técnico ou dunha memoria valorada coas actuacións necesarias para reparar, consolidar ou, se fose preciso, demoler os elementos deteriorados. Estas intervencións deberán contar coas autorizacións sectoriais correspondentes antes da súa execución.

O valado permanecerá instalado mentres continúe existindo risco para as persoas e ata que se leven a cabo as actuacións necesarias para garantir un acceso seguro á praia da Xurela.

0.12107110023499