Paderne ofrecerá campamentos de Nadal gratuítos para os cativos do municipio
O Concello de Paderne organiza unha nova edición das Aulas de Conciliación e Campamentos de Nadal, un programa gratuíto dirixido aos nenos e nenas do municipio co obxectivo de facilitar a conciliación familiar durante as vacacións de inverno.
As actividades desenvolveranse entre o luns 23 de decembro e o venres 3 de xaneiro, en horario de 8:00 a 15:00 horas, a excepción dos días festivos 24, 25, 31 de decembro e 1 de xaneiro. Os pequenos de 4 a 8 anos participarán nas Aulas de Conciliación, mentres que os rapaces e rapazas de 9 a 14 anos asistirán aos Campamentos de Nadal. Persoas cunha discapacidade igual ou superior ao 33% tamén poden inscribirse.
Ambos programas incluirán actividades que fomentan a igualdade e a convivencia, adaptándose ás necesidades de cada grupo de idade. As sesións terán lugar nas instalacións da Casa Consistorial, e incluirán unha saída sorpresa.
O prazo de inscrición estará aberto ata o luns 2 de decembro. As solicitudes poden tramitarse preferiblemente na sede electrónica do Concello ou de forma presencial na Casa Consistorial. É necesario presentar a documentación requirida para formalizar o rexistro.