Paderne lanza unha campaña de sensibilización ambiental con cinco obradoiros prácticos para a veciñanza

O Concello de Paderne porá en marcha unha campaña de sensibilización ambiental dirixida á veciñanza coa organización de cinco obradoiros formativos, todos eles con sede no Consistorio e combinando contidos teóricos e prácticos.
O primeiro taller será o sábado 24 de xaneiro ás 10.00 horas e estará dedicado ás árbores froiteiras de óso. A sesión incluirá nocións e práctica sobre abono, poda e multiplicación.
A programación continuará o venres 6 de febreiro ás 20.00 horas cun obradoiro para a construción de trampas de captura da vespa velutina, que terá unha segunda parte o venres 13 de marzo, tamén ás 20.00 horas. Entre medias, o sábado 21 de febreiro ás 10.00 horas celebrarase a sesión centrada en árbores froiteiras de semente e kiwi, igualmente con enfoque teórico e práctico.
Xa na recta final, o venres 21 de marzo ás 10.00 horas desenvolverase o obradoiro sobre cítricos e aguacate e, por último, o sábado 11 de abril ás 10.00 horas organizarase unha sesión de iniciación á apicultura.
Para participar é necesario anotarse con antelación, tramitando a inscrición nas oficinas administrativas municipais. Desde a organización animan a acudir a estas sesións, nas que intervirán persoas expertas e nas que se ofrecerán coñecementos e habilidades prácticas para tarefas pouco habituais no día a día.