Paderne inicia en outubro o seu programa de actividades 2024/2025 con case 20 propostas diferentes

ACoruñaXa
O Concello ofrece unha ampla variedade de actividades físicas e artísticas, xunto con obradoiros temáticos en varias parroquias, ata xuño de 2025
Imaxe da casa do Concello de Paderne
16 sep 2024

O Concello de Paderne comezará no mes de outubro o seu novo programa de actividades para o curso 2024/2025, que inclúe unha variada oferta con preto de vinte propostas físicas, artísticas e obradoiros específicos. O programa, que se estenderá ata mediados de xuño, busca ofrecer unha alternativa de ocio activa e formativa para os veciños do municipio.

Entre as actividades anuais dispoñibles destacan ximnasia, pilates, zumba, baile, cestería, cociña, labores e corte e confección. Estas desenvolveranse de luns a venres en horario de tarde, repartidas entre as parroquias de Paderne, Adragonte, Quintas, Souto, Velouzas, Vigo, Vilamourel e Viñas.

Ademais das actividades anuais, o programa tamén inclúe cinco obradoiros de menor duración. O primeiro, centrado en tratamentos naturais e podas, celebrarase en Adragonte durante o mes de novembro. Seguiralle un obradoiro de arte floral no Nadal, que terá lugar en Velouzas de mediados de novembro a mediados de decembro. En xaneiro, o obradoiro de repostería de Entroido terá lugar en Quintas, cunha sesión de dúas horas á semana, mentres que en febreiro celebrarase en Vilamourel un obradoiro de defensa persoal para menores de 30 anos. Finalmente, nos meses de abril e maio, os veciños poderán participar nun taller de coiro en Viñas.

O alcalde de Paderne, Sergio Platas, subliña que o obxectivo do programa é "ofrecer un espazo no que os maiores poidan adquirir novas competencias e, sobre todo, manterse activos e socializar". A oferta, segundo Platas, busca mellorar a calidade de vida e a cohesión social no municipio.

O custo das actividades varía en función da súa duración: as sesións dunha hora ao mes teñen un prezo de 6,75 euros, as de 90 minutos custan 7,5 euros, mentres que as de dúas horas ascenden a 8 euros. Ademais, existe a opción de abonar o curso completo.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse presencialmente no Concello ou a través da sede electrónica.

0.080013990402222