Paderne homenaxea este domingo a figura de Francisco Vales Villamarín na reinauguración do seu miradoiro

ACoruñaXa
As actuacións consistiron na limpeza e restauración do monólito, o reafirmado da superficie da praza, a colocación de valado ou a instalación de bancos
Imaxe de Paderne
Imaxe de Paderne
4 may 2024

Paderne lembrará, este domingo 5 de maio a figura de Francisco Vales Villamarín. O docente, historiador e cronista de Betanzos, que foi membro da Real Academia Galega e da Real Academia de Belas Artes, recibiu unha homenaxe póstuma en 1983, poucos meses despois do seu falacemento, coa instalación dun monólito en Ponte do Porco.

Agora, 41 anos despois, o Concello de Paderne inaugura a remodelación do xardín-miradoiro co seu nome situado na desembocadura do Río Lambre, na fronteira co municipio veciño de Miño, á beira do Camiño Inglés. O acto será ás 13.00 horas do domingo.

O acto contará coa presenza e as verbas do veciño e promotor da iniciativa, Emilio Vila Agras. O traballo de Emilio foi chave para a instalación do monumento, hai máis de catro décadas e tamén nesta remodelación que puxo en marcha o Concello de Paderne. Ademais, no evento tamén falarán falaron o secretario da Real Academia de Belas Artes, Felipe Senén; o cronista oficial do Concello de Paderne, José Raimundo Núñez Lendoiro; e o fillo de Francisco, José Domingo Vales, que depositará unha coroa de loureiro ao pé do monólito en nome da familia.

O Concello de Paderne organizou este acto para lembrar a importancia que o cronista tivo na comarca durante o século pasado e poñer en valor o parque, no que investiu case 10.000 euros (sen impostos) para volver poñelo en valor. Concretamente, o executivo local contratou a execución dunha completa actuación que consistiu na limpeza e restauración do monólito, o reafirmado da superficie da praza, a colocación de valado e a instalación de bancos e a mellora de accesibilidade a través de actuacións nas beirarrúas