Paderne estrea dúas áreas de xogo infantil en Areas e Samede para potenciar o lecer familiar

ACoruñaXa
O concello inviste preto de 100.000 euros en dous proxectos que inclúen pistas multideporte e pavimentos de seguridade atendendo ás peticións escolares
PADERNE parque samede
16 Jul 2026

O Concello vén de completar a construción de dous novos parques infantís dotados de instalacións modernas e funcionais nas localidades de Areas e Samede. Esta dobre intervención, cuxo orzamento conxunto rolda os 100.000 euros, nace co obxectivo de dar resposta directa ás solicitudes transmitidas polas familias e pola comunidade educativa do municipio.

O deseño de ambos recintos pensouse para converter estes puntos en espazos de socialización seguros. No caso de Areas, a nova área recreativa situouse xusto detrás do Local Social e dispón de xogos clásicos como tobogán, columpios e bambán. Como gran novidade, este espazo complétase cunha pista multideporte que integra porterías de fútbol e canastras instaladas á altura regulamentaria. Pola súa banda, o parque de Samede localizase no Campo da Festa e conta tamén con columpios, bambán e tobogán. Co fin de previr lesións e garantir a protección dos menores, as dúas instalacións asentáronse sobre un firme de pavimento brando que amortece os impactos.

O alcalde de Paderne, Sergio Platas, desprazouse esta semana ata os dous emprazamentos para certificar a conclusión definitiva das obras. O rexedor defendeu a importancia destas actuacións suliñando que, lonxe de ser un asunto menor, resulta prioritario dotar ao rural de espazos públicos onde as familias poidan convivir e os nenos e nenas comecen a interactuar dende idades temperás.

0.13796091079712