Paderne e Augas de Galicia activan un plan estratéxico para modernizar o saneamento municipal
O Concello de Paderne e Augas de Galicia selaron un acordo para avanzar conxuntamente na mellora integral do sistema de saneamento municipal. Este compromiso fixa un prazo de seis meses para que o organismo autonómico avalíe alternativas técnicas destinadas a renovar as infraestruturas e optimizar o servizo. O anuncio foi comunicado á oposición nun pleno extraordinario celebrado esta mañá.
Na xuntanza da pasada semana, o goberno local, liderado por Sergio Platas, entregou a Augas de Galicia as auditorías externas realizadas sobre as redes de abastecemento e saneamento do municipio. Estes informes, financiados a través de subvencións, destacaron a necesidade de definir un plan de acción que teña en conta as particularidades de Paderne e os recursos doutros concellos limítrofes.
As conclusións preliminares propoñen dividir o municipio en dúas grandes áreas. A primeira, correspondente á zona da Ría, abarcaría núcleos como Velouzás, Sas, Souto, Chantada e Viñas, concentrando o saneamento nunha nova EDAR en Viñas, unha instalación largamente reclamada polo goberno local. A segunda área, situada na zona sureste, inclúe localidades como Vigo, Adragonte, Vilamourel, Quintas e Obre, onde as actuacións prioritarias serían a reparación das decantadoras existentes e a construción de mini-EDAR para pequenos núcleos de poboación.
O alcalde destacou a importancia de avanzar nestas melloras como parte dos piares fundamentais do seu mandato. “O saneamento afecta directamente á calidade de vida da nosa veciñanza. Este plan é un paso crucial para resolver un déficit histórico, e agradecemos a boa disposición de Augas de Galicia para colaborar en solucións integrais e sostibles”, afirmou Platas.
A colaboración entre o Concello e Augas de Galicia evidencia a necesidade de sumar esforzos entre administracións para abordar os retos nas infraestruturas esenciais. Con este horizonte de traballo conxunto, o municipio de Paderne espera establecer as bases para un saneamento máis eficiente e adaptado ás necesidades da súa poboación.