Paderne destina máis de 40.000 euros do POS+Adicional a reforzar os servizos sociais municipais
O Concello de Paderne recibirá este 2025 un total de 40.493,81 euros a través do POS+Adicional da Deputación da Coruña, unha achega que se destinará a reforzar os servizos sociais municipais. O pleno municipal aprobou de maneira unánime a proposta do goberno local para utilizar estes fondos en mellorar a atención á veciñanza máis vulnerable.
As áreas de podoloxía, fisioterapia e terapia ocupacional serán as máis beneficiadas, con 13.685 euros para podoloxía, 5.000 para fisioterapia e outros 5.000 para terapia ocupacional. Estas medidas suman á oferta do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), un servizo que continúa a expandirse de xeito gratuíto para todos os veciños de Paderne.
Ademais, o Concello destinará máis de 10.000 euros en axudas técnicas para mellorar a calidade de vida das persoas que o precisen. Deste importe, 2.985,07 euros serán para adquirir arneses, colchóns antiescaras e outros materiais necesarios, mentres que 7.707,94 euros irán destinados á adquisición de novas tecnoloxías para mellorar os obradoiros de memoria.
Os obradoiros de adestramento de memoria, considerados servizos sociais “imprescindibles” para o goberno local, tamén recibirán un incremento de 5.115,80 euros para garantir a continuidade do seu desenvolvemento gratuíto.
Por último, o Concello engadirá 1.000 euros ao orzamento municipal para axudas de emerxencia social, co fin de atender ás persoas e familias que se atopen en situación de risco de exclusión social.
“O POS+Adicional é unha ferramenta clave para os concellos pequenos como o noso. Este investimento en servizos sociais axuda a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a manternos cerca de xente que necesita o apoio das administracións”, afirmou o alcalde de Paderne, Sergio Platas.