Paderne debate este venres os orzamentos con incrementos en servizos sociais, estradas e saneamento

ACoruñaXa
Existen aumentos de ata o 268% en cuestións como a auga e o saneamento, o que demostra que se tratan duns orzamentos “que non pertencen a un partido político, senón que están pensados para toda a veciñanza”
Imaxe de Paderne
9 Maio 2024

O Concello de Paderne debate este venres 10 de maio, os orzamentos municipais deste ano 2024. Farao nunha sesión extraordinaria no Salón de Plenos aberta, como sempre, á veciñanza ás 20.00 horas. Todo tras a confección das contas por parte do equipo de goberno e a apertura da quenda de diálogo co resto de formacións políticas con representación.

O executivo local construíu uns orzamentos que prevén uns ingresos e uns gastos de 2.286.729,62 euros. Deste total, case 460.000 euros corresponden de xeito exclusivo a asistencia social primaria. Así, a planificación do executivo local potenciou incrementos como os 30.000 euros a maiores para o Servizos de Axuda no Fogar, que chega aos 300.000 euros.

Esta partida englóbase nos Servizos Públicos Básicos, aos que se destinan uns fondos de máis de 880.000 euros, o que supón case o 40% do orzamento total. “Queda claro o seu matiz social, que pon no centro as necesidades da nosa veciñanza”, apunta o goberno.

As cantidades destinadas a Servizos Sociais e Educación aumentan un 13% con respecto aos últimos orzamentos. Ademais, os investimentos en estradas e camiños elévanse un 65%, mentres que as partidas para auga e saneamento gozan dun “potentísimo” incremento do 268%.

Deste xeito, o gasto en investimento por habitante ascende a 939 euros, unha cifra que demostra “que non son uns orzamentos que pertencen a un partido político, senón que están feitos e pensados para satisfacer a toda a veciñanza de Paderne”.

 

0.19432878494263