Paderne celebra os 103 anos da súa veciña máis lonxeva, Martina Sabin
A veciñanza de Paderne festexou onte un acontecemento especial: o 103 aniversario de Martina Sabin Saya, a persoa con máis idade do municipio. O alcalde, Sergio Platas, acompañado pola concelleira de Benestar Social, Marisa Abrodos, achegouse ata o domicilio da homenaxeada, en Velouzás, para conmemorar esta importante efeméride.
Martina, que se atopaba no seu cuarto, recibiu cun sorriso o alcalde e a edil tras ser presentados polo seu irmán e a súa cuñada. Para celebrar a ocasión, os representantes municipais entregáronlle un ramo de flores e uns doces. O momento culminou co simbólico xesto de soprar as velas, unha mostra do agarimo e admiración da comunidade por unha muller que representa a memoria viva de Paderne.
Durante a visita, o alcalde destacou o orgullo de contar con veciños como Martina, cuxas vidas son exemplo de perseveranza e vinculación coa historia local. “É un pracer poder compartir este día tan especial con Martina e a súa familia”, sinalou Sergio Platas.