Paderne celebra este venres a Festa dos Maiores

ACoruñaXa
O goberno local organiza a Festa dos Maiores, que incluirá un pleno de recoñecemento á persoa máis veterana de cada unha das nove parroquias
Imaxe do cartel da Festa dos Maiores de Paderne
28 Maio 2024

A Festa dos Maiores regresa a Paderne este venres 31 de maio. Farao a través dun conxunto de actos que buscan poñer en valor a figura das persoas máis veteranas no municipio. Porque sen eles, “Paderne non tería a súa memoria viva”, apunta o equipo de goberno local.

O executivo municipal pretende “recoñecer o vital espazo que ocupan os e as maiores na nosa sociedade” cun evento que arrincará ás 10.30 horas coa saída do autobús para recoller ao longo do territorio municipal a todas as persoas que o solicitasen. Ás 12.00 horas está prevista unha misa na Igrexa Parroquial de Paderne como paso previo ao Pleno de recoñecemento á persoa máis veterana de cada parroquia.

Así, ás 12.45 horas as portas da Casa do Concello abrirán para celebrar este acto no Salón de Plenos. Cada unha das nova persoas sentará nunha cadeira de concelleiro, terá a oportunidade de falar e recibirá un obsequio como xeito de admitir a súa transcendencia como historia viva do municipio.

Xa ás 14.30 horas, arrincará a comida no Restaurante El Pantano, con posterior baile e sorteo de agasallos para pechar un día no que os e as maiores, como non podía ser doutro xeito, serán protagonistas nun municipio que mira por eles e elas.

 

Cartel Festa dos Maiores Paderne
0.1207230091095