Paderne adiantou onte a maxia dos Reis Magos con gran éxito
Paderne volveu vivir unha xornada máxica coa chegada anticipada dos Reis Magos. Ao igual que o ano pasado, o Concello logrou adiantar a visita de Melchor, Gaspar e Baltasar ao día 4, convertendo o municipio nun dos primeiros da contorna en recibir a comitiva real.
A xornada comezou pola mañá, cando os Reis Magos e os seus paxes foron recibidos na Casa Consistorial polo equipo de goberno local. Posteriormente, iniciaron un percorrido en coche por todas as parroquias, saudando á rapazada que os agardaba en lugares como Paderne Aldea, Quintas, Adragonte e Vigo.
Xa pola tarde, preto das 17:30 horas, Melchor, Gaspar e Baltasar protagonizaron un pasarrúas desde a Casa Consistorial ata a Praza do Telleiro, acompañados dunha batucada. Unha vez na carpa do Telleiro, o alcalde, Sergio Platas, deu a benvida ás familias e destacou o impacto social e cultural de eventos como este, que “reforzan a identidade e a comunidade de Paderne”.
Ademais do encontro cos Reis Magos, os nenos e nenas gozaron dunha festa infantil con música, obradoiros e a entrega de premios do concurso de adornos de Nadal. As familias tamén puideron degustar o tradicional roscón de Reis, completando unha xornada onde a maxia foi a protagonista.