Oza Cesuras revive este domingo a tradición coa XVIII Romaría do Rocío

Oza Cesuras volverá converterse este domingo, 28 de xuño, no escenario dunha das celebracións máis singulares do calendario festivo da comarca coa XVIII Romaría do Rocío. A cita, organizada pola Casa de Andalucía da Coruña coa colaboración do Concello de Oza Cesuras, reunirá un ano máis a centos de romeiros para participar nun percorrido que combina tradición, devoción e convivencia.
A romaría arrancará ás 9.10 horas co rezo do Santo Rosario na parada de taxis de Oza. Vinte minutos despois iniciarase a marcha cara ao antigo Sanatorio de Cesuras, nun percorrido duns 4,3 quilómetros que recrea o ambiente das tradicionais peregrinacións rocieras.
Ás 12.00 horas celebrarase o rezo do Ángelus e o tradicional bautizo dos romeiros no Sanatorio de Cesuras. Desde alí partirá a comitiva cara ao lugar das As Capillas, onde está prevista a chegada ás 14.00 horas para a celebración da misa rociera, un dos momentos centrais da xornada.
Tras o oficio relixioso terá lugar un xantar campestre aberto ás persoas asistentes. A Asociación As Capillas será a encargada de preparar unha paella popular, convertida xa nun dos atractivos gastronómicos desta romaría.
A programación continuará pola tarde coa procesión da Virxe do Rocío e o seu regreso á ermida ás 19.00 horas, pechando unha xornada que combina os actos relixiosos coa música, a convivencia e a tradición.
Desde a organización animan ás persoas participantes a acudir con vestimenta rociera ou flamenca para contribuír ao ambiente festivo e manter viva a esencia desta celebración. Ademais, as persoas que desexen participar con carretas poden comunicalo previamente á Casa de Andalucía da Coruña para facilitar a organización do percorrido.
Ao longo das súas dezaoito edicións, a Romaría do Rocío de Oza Cesuras consolidouse como unha das celebracións máis orixinais do municipio e unha das poucas romarías rocieras que se celebran en Galicia. Cada ano reúne participantes procedentes de distintos puntos da provincia, converténdose nun punto de encontro entre a tradición andaluza e a cultura popular galega, nunha xornada marcada pola música, a gastronomía e a convivencia veciñal.