Oza-Cesuras organiza un campamento para cativos na Semana Santa

ACoruñaXa
O 'Campamento Oza-Cesuras Concilia Semana Santa 2024', está dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e 12 anos e funcionará durante días non lectivos comprendidos entre o 25 de marzo e o 1 de abril de 2024
Campamento de Semana Santa en Oza-Cesuras
22 Feb 2024

O Concello de Oza-Cesuras organiza para a Semana Santa un campamento para os nenos e nenas do municipio no Edificio de Servizos Múltiples. O obxectivo principal é axudar ás familias a conciliar durante estas datas nas que os colexios están pechados, así como proporcionar aos nenos unha alternativa de lecer saudable mediante a realización dunha ampla variedade de actividades de carácter educativo, lúdico e deportivo.

Dente xeito o campamento funcionará durante días non lectivos comprendidos entre o 25 de marzo e o 1 de abril de 2024 (ambos incluídos), co obxectivo de contribuír á conciliación da vida familiar e profesional. Os nenos participantes no campamento deberán traer das súas casas os seus alimentos, pois o Concello de Oza-Cesuras non facilitará alimentos aos menores participantes no campamento

O 'Campamento Oza-Cesuras Concilia Semana Santa 2024', está dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e 12 anos, os cales deberán estar empadroados no Concello. Excepcionalmente, no suposto de que quedasen prazas vacantes, poderán participar cativos con idades comprendidas entre os 3 (escolarizados) e os 12 anos de familias empadroadas noutros concellos.

O prazo de inscrición, debe descargarse na web do Concello e rematará ás 23.59 horas do 4 de marzo de 2024. O número máximo de participantes será de 30 nenos que serán distribuídos en grupos dun máximo de 10 nenos por grupo. As prazas asignáranse por orde de inscrición.

Á hora de facer a inscrición debérase achegar a seguinte documentación: a solicitude de inscrición asinada, fotocopia do DNI/NIE da nai/titora legal, a fotocopia do DNI/NIE do pai/titor legar, a fotocopia do libro de familia, no seu caso, documentación acreditativa de ter atribuída a custodia legal do/a menor (sentencia de separación ou divorcio, convenio regulador, …), fotocopia da tarxeta sanitaria da/o menor, cuestionario da Secretaría Xeral de Igualdade, o certificados de empadroamento (no caso de non autorizar a consulta) e o informe médico, (en sobre pechado, sobre a diagnose, e, en xeral, sobre instrucións e as actuacións que deberá ter en conta o monitorado).

O prezo do campamento pode variar dependendo da modalidade escollida por cada familia: Opción 1 (Horario de 7.30 horas a 15.00 horas): 36,00 euros por neno; Opción 2 (Horario de 7.30 horas a 14.00 horas): 31,20 euros por neno; Opción 3 (Horario de 9.00 horas a 15.00 horas): 28,80 euros e Opción 4 (Horario de 9.00 horas a 14.00 horas): 24,00 euros por neno. O pagamento farase mediante ingreso da cota correspondente con anterioridade ao comezo do campamento, na seguinte conta bancaria titularidade do Concello: ABANCA ES84 2080 0051 8831 1000 0071. Para máis información pode consultarse as bases legais da convocatoria na páxina web do Concello.

 

 

0.19379091262817