Oza-Cesuras lembra o prazo para limpar parcelas e crear faixas de protección contra os lumes

O Concello de Oza-Cesuras lanzou un aviso á veciñanza para lembrar as obrigas de xestión da biomasa que marca a normativa galega de prevención e defensa contra os incendios forestais. A administración local chama a actuar con antelación e fixa o 31 de maio como prazo para cumprir de forma voluntaria os traballos de limpeza nas parcelas afectadas polas redes secundarias de faixas.
Debe manterse libre de vexetación unha franxa de 50 metros arredor do solo urbano, de núcleo rural e urbanizable e tamén ao redor de edificacións e vivendas illadas. A obriga esténdese a contornas como urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras, así como parques e instalacións industriais situadas preto do monte.
O Concello lembra ademais que, nesa mesma franxa de 50 metros, non poden existir especies consideradas de risco, como eucalipto, piñeiro, acacia, mimosa, toxo ou fieitas, entre outras.
O incumprimento destas obrigas pode derivar en sancións económicas en función da gravidade, con contías máximas que van desde 1.000 euros nas infraccións leves ata 100.000 euros nas graves e 1.000.000 euros nas moi graves.
Para máis información, a veciñanza pode contactar co Concello de Oza-Cesuras no teléfono 981 79 20 00.