Os veciños de Xora, en Coirós, reclaman solucións tras novos altercados pola presencia de cans soltos

ACoruñaXa
A Asociación veciñal avisa de que o problema ‘ven de tempo atrás’ e fala de ‘un montón de denuncias’, mentres dous episodios dos últimos días impulsan unha recollida de firmas para pedir unha intervención efectiva
COIROS perros
27 Feb 2026

O debate volve estar encima da mesa en Coirós, pola na presenza de tres cans que, segundo denuncian residentes da zona, aparecen con frecuencia soltos polo lugar de Xora e pola contorna do río. A Asociación de Veciños de Santa María de Ois asegura que non se trata dun episodio puntual, senón dun problema que se arrastra no tempo e que xa foi motivo de avisos reiterados. ‘Isto é un pouco temible’, resume Maribel, veciña vinculada á asociación, que engade que ‘na Garda Civil hai un montón de denuncias’.

Os veciños relatan que os cans terían propietario e en varias ocasións acabarían refuxiándose nunha vivenda, o que complica calquera intervención inmediata. Maribel relata, por exemplo, un dos episodios recentes na zona recreativa do río, onde varias persoas tiveron que facer fronte á situación mentres agardaban pola chegada dunha patrulla. ‘Tiveron que empregarse duramente, dando golpes no chan e demais para que os cans desistisen’, explica.

A preocupación veciñal volveu medrar esta semana tras un incidente ocorrido hai dous días, o mércores 25 de febreiro. Juan, veciño de Xora, foi dar un paseo pola zona. Ao mirar cara atrás viu os tres animais correndo cara a el e, ao percibir a intención, decidiu apartarse e buscar unha saída. ‘Sabía que me ían atacar’, relata. A situación obrigouno a reaccionar como puido: ‘Fun polos valados o máis rápido que puiden e ata caín’. O veciño asegura que ao día seguinte acudiu a formalizar a denuncia na Garda Civil de Betanzos.

Ese mesmo día, produciuse outro episodio na contorna do río, preto da ponte de Xora, cando varias familias estaban na zona con nenos. Leticia, unha das nais afectadas, conta que, tras un primeiro susto, os cans regresaron cando xa se dispoñían a marchar. ‘Directos a por nós’, lembra. A veciña insiste en que o temor non aparece da nada e que esta situación leva tempo repetíndose: ‘Con isto levamos meses’.

A esta complexidade súmaselle outra cuestión práctica que a veciñanza leva tempo poñendo enriba da mesa: ao non tratarse de animais abandonados, e ao non contar o Concello cun servizo propio nin estar integrado nun sistema supramunicipal de recollida que permita unha retirada inmediata, a intervención das canceiras e das entidades de acollida queda máis limitada e depende do encaixe legal do caso e das actuacións das autoridades competentes.

O caso, ademais, xa fora obxecto de atención informativa en meses anteriores. En decembro de 2025 xa houbo unha primeira alerta municipal pola presenza destes tres cans soltos e a petición do alcalde, Francisco Quintela, para que se adoptasen medidas urxentes, lembrando que Coirós carece de Policía Local. Tamén en novembro de 2025 o Concello publicara un aviso sobre as obrigas vinculadas á tenza de cans potencialmente perigosos.

Agora, o Concello asegura que deu un paso máis ao formalizar denuncia ante a Garda Civil e a Fiscalía pola desatención dos animais e polo risco xerado na zona. Segundo o alcalde, Francisco Quintela, a situación reflicte un 'reiterado desprezo' da propietaria pola seguridade cidadá e polo benestar animal. 'A nosa prioridade é a seguridade dos veciños. Non podemos permitir que a actitude irresponsable dunha persoa poña en perigo a familias e nenos nos nosos espazos públicos', sinala. O goberno local explica tamén que xa en decembro trasladara un apercibimento por escrito e puxera os feitos en coñecemento da Garda Civil, sen que se correxise a problemática.

Despois do acontecido, a resposta veciñal colle forma cunha iniciativa para reforzar as reclamacións por vía administrativa. Javier, pai dun dos menores afectados, difundiu un comunicado no que chama a sumar sinaturas tras presentar unha denuncia no Concello. ‘O modelo xa está presentado e aceptado no Concello; agora só falta a túa sinatura’, sinala, antes de pechar cunha mensaxe de unidade: ‘O pobo unido, xamais será vencido’.

0.1233389377594