Os veciños de Veigue (Sada) estrean nova senda peonil

ACoruñaXa
A lonxitude total da actuación é de 700 metros, pechando un circuíto que, sen dúbida, animará aos veciños a pasear con maior seguridade e comodidade pola contorna
Imaxe da nova senda peonil en Veigue (Sada)
10 Jun 2024

O Concello de Sada ven de rematar os traballos de execución dunha nova senda peonil no municipio. Neste caso a senda executada discorre pola parroquia de Veigue, entre Chan de Aldea e A Valexa. A lonxitude total da actuación é de 700 metros, pechando un circuíto que, sen dúbida, animará aos veciños a pasear con maior seguridade e comodidade pola contorna e mellorará a seguridade viaria da zona. Grazas á execución desta senda é posible camiñar dende o propio núcleo de Veigue, nas inmediacións da igrexa, ata máis aló da rotonda da vía Ártabra, no límite municipal de Sada e Oleiros.

A senda executouse pola marxe dereita da estrada autonómica AC-163 na totalidade do seu percorrido, excepto non seu tramo final onde discorre por ambas marxes. Esta actuación fixo necesaria unha revisión e mellora das infraestruturas existentes non tramo, tales como as acometidas ás redes de abastecemento e saneamento e a execución dunha nova rede de pluviais e de iluminación pública.

Precisamente para reforzar a seguridade viaria no paso de peóns que cruza a Vía Ártabra proxectouse a instalación de columnas de reforzo lumínico. Para executar as obras realizáronse actuacións de despexe e roza do terreo nos tramos en terra e de demolición do pavimento de formigón existente nas superficies das entradas ás vivendas particulares, colocando novos muros de pedra alí onde fosen necesarios. Igualmente, acondicionáronse as zonas verdes entre os muros de peche existentes e a nova senda dentro da franxa de dominio público da AC-163.

“Grazas a esta senda a veciñanza de Veigue poderá desfrutar dun agradable paseo coa seguridade de camiñar nunha zona reservada ó tránsito peonil. Ó longo deste mandato agardamos impulsar proxectos noutras parroquias do noso concello onde a veciñanza reclama investimentos semellantes”, asegurou Fariña.

0.15292596817017