Os traballadores da planta de residuos Nostián na Coruña aprazan a folga
A asemblea de traballadores e traballadoras da planta de tratamento de residuos de Nostián acordou adiar as tres xornadas de folga previstas para os días 18, 24 e 26 de xullo ante a apertura dunha liña de diálogo que podería pór fin de maneira definitiva ao conflito.
Ante a petición do Goberno local, co ánimo de facilitar as negociacións entre todas as partes implicadas e á vista dos avances na última reunión entre o Concello da Coruña e o Consorcio das Mariñas para a publicación dos pregos da nova concesión, o persoal decidiu suspender a folga e dar unha marxe de tempo até o 5 de agosto.
Se neste período non se detectan avances substanciais nin compromisos por parte da empresa e das administracións que garantan as condicións de traballo, o emprego e o futuro das instalacións, o persoal retomará as mobilizacións e anunciará un novo calendario de folga, que para entón xa será de carácter indefinido.