Os taxis da Coruña poderán recoller pasaxeiros en Alvedro para reforzar a conexión coa cidade

ACoruñaXa
Concello, Xunta e Culleredo pechan un principio de acordo que permitirá operar ata 35 licenzas coruñesas no aeroporto, con parada e unha bolsa de reforzo
Imaxe do Aeroporto de Alvedro na Coruña
31 Jan 2026

O Concello da Coruña acadou este venres un principio de acordo co Concello de Culleredo e coa Xunta de Galicia para reforzar o servizo de taxi no aeroporto de Alvedro e mellorar a mobilidade entre a terminal e a cidade. O pacto abre a porta a que, por primeira vez, taxis da Coruña poidan recoller pasaxeiros no aeródromo.

O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, reuniuse coa directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e co alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, para analizar a situación actual e as medidas posibles para facer máis fluído o tránsito de viaxeiros de entrada e saída. No encontro participaron tamén outros representantes da Xunta e o director de Mobilidade do Concello, Luis Vázquez.

Segundo explicou Lage, o obxectivo prioritario é garantir 'un bo servizo de taxis no aeroporto' e facelo con seguridade xurídica para usuarios e profesionais. O edil recoñeceu que o convenio non supón unha satisfacción plena, pero valorouno como un avance ao permitir que licenzas coruñesas poidan prestar servizo en Alvedro.

No marco das modificacións propostas para simplificar a operativa, a parada funcionará cunha orde na que se situarán 10 taxis de Culleredo, seguidos de 5 da Coruña e, a continuación, o resto de licenzas cullerdenses. Ademais, habilitarase unha explanada contigua para unha bolsa de reforzo formada por 30 taxis da Coruña, que entrarán en servizo cando os vehículos da parada non sexan suficientes para atender a demanda.

O acordo inclúe tamén medidas de ordenación viaria: o aeroporto reordenará os carrís de circulación para facilitar o tránsito rodado e reducir as irregularidades. Desde o Concello lembran que levan tempo reclamando melloras nun servizo que non sempre cobre a demanda e que deixa persoas sen transporte cara á cidade, ao tempo que insisten en que a administración coruñesa non ten competencias para regular os taxis fóra do seu termo municipal. Por iso, definen o pacto como un primeiro paso, aínda que non definitivo, e aseguran que seguirán traballando para atopar unha solución estable.

⚙ Configurar cookies
0.078767061233521