Os socialistas propoñen unha liña de bus para levar alumnado de FP aos centros da Coruña e Culleredo

O grupo municipal socialista de Oleiros levará ao pleno unha proposta para reclamar á Xunta a creación dunha liña de autobús pensada para o alumnado de Formación Profesional que se despraza a diario desde Sada, Bergondo e Oleiros cara a centros da Coruña e Culleredo.
A iniciativa pon o foco nas dificultades de mobilidade que afrontan centos de estudantes que cursan ciclos en centros como o CIFP Universidade Laboral de Culleredo, o CIFP de Someso, o IES Fernando Wirtz, o CIFP Paseo das Pontes ou o CIFP Ánxel Casal. Segundo o grupo socialista, a entrada xeral ás clases ás 8.30 horas obriga moitos alumnos a depender do coche particular, de familiares ou de combinacións con varios transbordos no transporte público.
A proposta que se trasladará ao pleno municipal e tamén ao Parlamento de Galicia a través dunha proposición non de lei plantea unha ruta directa para dar servizo a estudantes dos tres municipios. O obxectivo sería que os autobuses deixasen o alumnado nos propios centros educativos, evitando percorridos longos ou conexións pouco compatibles cos horarios lectivos.
Os socialistas sinalan que só o CIFP Universidade Laboral de Culleredo conta con preto de 200 alumnos procedentes de Sada, Bergondo e Oleiros, unha cifra que consideran suficiente para xustificar, polo menos, unha expedición específica. A esta demanda sumaríase o alumnado que acode a centros situados na cidade da Coruña.
O plantexamento inicial céntrase nas horas de entrada e saída da quenda de mañá, con chegada antes das 8.30 horas e regreso arredor das 15.00 horas. A formación tamén abre a porta a estudar a cobertura da quenda de tarde, con saídas dos centros sobre as 22.00 horas, se a demanda o xustifica.
A proposta defende que unha conexión deste tipo melloraría a puntualidade e a asistencia do alumnado, reduciría a dependencia do vehículo privado e axudaría a retirar coches das estradas en horas punta. O grupo socialista lembra ademais que tanto a organización educativa como o transporte interurbano son competencias autonómicas, polo que dirixe a petición á Xunta.