Os socialistas de Arteixo solicitan ao Concello que execute a urbanización da praza da Constitución de Meicende

ACoruñaXa
Lembran que o proxecto foi anunciado en 2024 e que piden ao alcalde que cumpra coa súa promesa
Praza da Constitución Arteixo
Praza da Constitución Arteixo
25 Jan 2025

O grupo municipal socialista de Arteixo presentará unha moción no pleno de xaneiro para instar ao goberno local  a executar o plan especial para a reforma interior da unidade de actuación 37 en Meicende, que corresponde á praza da Constitución, aprobado en 2014.

O portavoz socialista, Martín Seco, explica que “hai máis de dez anos, a principios do 2014” o goberno de Carlos Calvelo aprobou en xunta de goberno a redacción dun plan espacial para a reforma interior da praza da Constitución para completar a súa urbanización.

O plan especial permitiría finalizar a rúa interrompida para facilitar o tráfico ao redor da praza, ademais da creación de preto de 25 prazas de aparcamento novas e construír dúas prazas de 1.300 e 400 metros cadrados, respectivamente que contarían con zonas verdes, pero segundo afirma Seco, “só se executou unha parte”.

“Dez anos despois todo segue igual, cunha dificultade excesiva para poder aparcar e un acceso complexo ao campo de fútbol, algo que impide nalgúns casos que os buses se acheguen a entrada do campo cando levan aos xogadores”  engade o portavoz socialista, “e a veciñanza de Meicende  agarda desde 2014 que o alcalde cumpra a promesa que lles fixo persoalmente” dunha mellor accesibilidade, máis prazas de aparcamento e unha contorna máis humana para a praza, os campos de fútbol e as empresas da zona”.

0.17004680633545