Os socialistas de Arteixo reclaman actuacións para evitar as inundacións en Santaia de Arriba
O grupo municipal socialista de Arteixo insta ao goberno local a adoptar medidas urxentes para acabar coas inundacións que afectan o barrio de Santaia de Arriba e a estrada municipal que o cruza. A problemática, vinculada ao aumento do caudal do Rego da Ranqueira, continúa sen resolverse a pesar de que hai un ano o pleno municipal aprobou por unanimidade unha moción para abordala.
Martín Seco, portavoz socialista, lembra que a corporación municipal instou en novembro de 2023 a implementar solucións inmediatas para evitar que a veciñanza sufrise danos nas súas propiedades e na vía pública. Porén, asegura que tras as recentes choivas, "o terreo veu abaixo, asolagando vivendas e ocupando a estrada, algo que podería ter causado un grave accidente".
Os socialistas consideran prioritario acometer estas actuacións con urxencia e, unha vez resolta a situación, avanzar nun proxecto que permita ampliar o camiño na zona afectada, especialmente naqueles tramos que quedaron pendentes de mellora.