Os socialistas de Arteixo denuncian un comportamento "despectivo" do alcalde nos plenos
O grupo socialista de Arteixo denuncia a actitude despectiva do alcalde, Carlos Calvelo, durante os últimos plenos municipais, especialmente cara ao voceiro socialista, Martín Seco.
Segundo os socialistas, nos últimos dous plenos, Calvelo dirixiuse ao portavoz do PSOE con berros, interrupcións e insultos, simplemente por exercer o seu dereito a fiscalizar a xestión do goberno local. "Nada queda xa de aquelas palabras do alcalde no acto de investidura, cando nos invitaba a non perder o tempo en disputas", afirmou Martín Seco, criticando a incoherencia entre as súas declaracións e a súa actitude.
O voceiro socialista puxo en evidencia o comportamento autoritario do alcalde, que, segundo el, confunde a maioría absoluta cun dereito para gobernar sen respectar á oposición. "O alcalde está a amosar a súa verdadeira cara, sen respectar as normas mínimas de convivencia institucional", apuntou Seco.
Os socialistas conclúen que a veciñanza de Arteixo merece unha maneira de gobernar máis respectuosa e aberta ao diálogo, que promova o ben común.