Os Sábados Miúdos volven o 4 de maio a Betanzos con Paco Nogueiras e '¡'Brinca vai! De aquí a acolá'

ACoruñaXa
O traballo de Paco Nogueiras foi premiado na Categoría de Música Infantil nos III Premios Martín Códax da Música celebrado no ano 2016
Imaxe do cartel dos sábados miúdos de Betanzos
Imaxe do cartel dos sábados miúdos de Betanzos
Redacción ACoruñaXa
27 abr 2024

O vindeiro sábado 4 de maio volven os Sábados Miúdos a Betanzos co concerto 'Brinca vai! De aquí a acolá' de Paco Nogueiras que terá lugar na Aula de Cultura Xulio Cuns do Edificio Arquivo ás 18.00 horas.

O concerto está destinado a nenos e nenas a partir de 3 anos e as súas familias e ten unha duración de 60 minutos. A actividade ten 60 prazas, con preferencia para os nenos e as nenas empadroadas, que poderán asistir acompañadas de ata dúas persoas adultas. O prazo de inscrición para o espectáculo estará aberto na web do Concello desde o luns 29 de abril ás 10.00 horas e ata cubrir as prazas. A confirmación da praza realizarase antes da actividade no enderezo electrónico facilitado no momento da inscrición.

Os Sábados Miúdos contarán neste ano 2024 con diversos espectáculos para os máis pequenos e pequenas que ateigarán os sábados de contos, cantigas, danza, xogos, música e lingua para desfrutar en familia. A próxima actividade será por conta de Baobab Teatro co seu espectáculo teatral “Palabras” o sábado 1 de xuño na Aula de Cultura Xulio Cuns.

Todo aquel que necesite máis información polo acudir ao Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos, situado no segundo andar da Casa do Concello, chamar ao teléfono 981 770 100 ou escribir ao enderezo electrónico normalizacion@betanzos.net.

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos está subvencionado pola Deputación provincial da Coruña e pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia. O espectáculo está dentro do programa Lingua a escena da Rede cultural da Deputación da Coruña 2024.

Sobre 'Brinca vai! De aquí a acolá'

'Brinca Vai! De aquí a acolá' é un espectáculo baseado no libro-cd-dvd 'Brinca Vai!', editado por Kalandraka Editora, no que se combinan cancións, animacións e interpretacións cos ritmos e rexistros máis divertidos.

Acompañade ao músico e actor Paco Nogueiras cos seus instrumentos e a súa querida “Máquina” nunha divertidísima viaxe chea de humor, baile e cancións. As alegrías, as amizades, os libros, a poesía, a ecoloxía, as festas do ano (o magosto, o samain, o entroido, o nadal) e o respecto á nosa lingua serán parte da equipaxe. Unha fantástica oportunidade de brincar e pasalo ben cos amigos e amigas nun particular camiño onde a música soa con forma de sorriso.

Neste sentido, 'Brinca Vai! De aquí a acolá' ,está deseñado para adaptarse a calquera espazo: escolas, bibliotecas, auditorios, rúas, prazas, vilas, aldeas…. Viaxará alí onde alguén queira cantar, rir, bailar ou simplemente escoitar coas mans e as orellas ben abertas!

O traballo de Paco Nogueiras foi premiado na Categoría de Música Infantil nos III Premios Martín Códax da Música celebrado no ano 2016.

SM04052024-Brinca-Vai-Paco-Nogueiras-scaled