Os riscos da Intelixencia Artificial serán debatidos na Facultade de Dereito da UDC o 29 de outubro

ACoruñaXa
A xornada analizará os desafíos éticos e legais da IA, así como o papel do sector asegurador na xestión dos riscos asociados
IA UDC Coruña
23 Out 2024

A Facultade de Dereito da Universidade da Coruña acollerá o vindeiro martes, 29 de outubro, as xornadas “Os riscos da Intelixencia Artificial: Estamos seguros?”, organizadas pola Cátedra Fundación Inade-UDC. Este evento abordará os desafíos e incertezas que xorden coa expansión da intelixencia artificial (IA) en múltiples sectores, así como o impacto desta tecnoloxía na sociedade, a economía e o marco legal.

A xornada dará comezo ás 9:30 horas coa participación de Moisés Canle, vicerreitor de Titulacións e Internacionalización da UDC, e outras personalidades como José Ramón Santamaría, presidente da Fundación Inade, e Ignasi Belda, director xeral da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA).

Durante o evento, presentarase o IX volume da colección Cadernos da Cátedra Fundación Inade-UDC, titulado Los riesgos generados por la inteligencia artificial y los posibles mecanismos para su mutualización, escrito por Gabriel Macanás, doutor en Dereito Civil e profesor da Universidade de Murcia. O autor explorará os riscos éticos, legais e económicos que a IA supón para a sociedade, así como as posibles solucións para garantir unha xestión responsable destes riscos e a mutualización dos danos causados.

Tras a presentación, terá lugar unha mesa redonda moderada por Fernando Peña, director da Cátedra, que contará coa intervención de especialistas en IA e ciberseguridade como Amparo Alonso Betanzos, catedrática da UDC, Alberto José Bugarín Diz, director do Grupo de Sistemas Intelixentes da USC, e Adrián Feliú González, consultor en ciberseguros. A mesa centrará a súa discusión nos riscos tecnolóxicos e no papel do sector asegurador ante a transferencia e xestión dos mesmos.

O evento, de carácter gratuíto, vai dirixido a profesionais de diversas áreas, incluíndo directivos de empresas tecnolóxicas, especialistas en ciberseguridade, avogados e economistas, así como estudantes de disciplinas tecnolóxicas e xurídicas.

 

0.12635207176208