Os ríos da provincia da Coruña suman novas accións de voluntariado ambiental tras 20 anos de Proxecto Ríos

ACoruñaXa | FerrolXa
ADEGA e a Deputación da Coruña renovan a súa colaboración cun convenio de 30.000 euros que permitirá impulsar actividades de custodia fluvial, formación e divulgación
DIPU CORU adega
4 Sep 2026

O voluntariado ambiental continuará gañando presenza nos ríos da provincia da Coruña cunha nova edición do Proxecto Ríos. ADEGA e a Deputación da Coruña renovaron este venres a súa colaboración para dar continuidade ao programa, que acumula xa dúas décadas de actividade e que este ano contará cunha achega de 30.000 euros.

O acordo foi asinado polo presidente de ADEGA, Manuel Soto, e pola deputada provincial responsable de Medio Ambiente, Rosa Ana García, e permitirá manter diferentes iniciativas de educación ambiental e participación cidadá vinculadas aos ecosistemas fluviais.

Ao longo dos seus 20 anos de traxectoria, o Proxecto Ríos creou unha rede de máis de 8.000 persoas e 600 grupos de voluntariado en Galicia. Na provincia da Coruña, a colaboración coa Deputación permitiu implicar o pasado ano a preto de 800 persoas, con actividades desenvolvidas en 38 concellos e vinculadas a máis de 47 ríos.

A nova edición incorporará tamén accións de custodia fluvial. Na campaña de outono, que comezará o 15 de setembro, desenvolveranse diferentes actuacións no río Sar, onde xa se levaron a cabo traballos para eliminar a especie invasora Tradescantia e se instalou unha cámara de fototrampeo para coñecer a fauna presente na contorna.

A formación será outro dos eixos do programa. ADEGA organizará un curso destinado ao voluntariado no que se explicará a metodoloxía do Proxecto Ríos e se preparará aos participantes para inspeccionar e analizar a calidade das augas mediante bioindicadores, entre eles os macroinvertebrados.

O aniversario do proxecto terá tamén presenza nas aulas. ADEGA dará continuidade á campaña 'Súmate á corrente' coa instalación da exposición '20 anos de Proxecto Ríos' en varios centros educativos da provincia.

Outra das grandes citas será a XIX Limpeza Simultánea de Ríos, prevista para o domingo 4 de outubro baixo o lema 'Móllate polos Ríos'. A iniciativa reunirá de novo persoas voluntarias para retirar residuos dos cursos fluviais de maneira simultánea e concienciar sobre a importancia de conservar estes ecosistemas.

O Proxecto Ríos busca así achegar a cidadanía aos cursos fluviais, divulgar os valores ambientais, sociais e culturais dos ríos e promover a participación directa na súa conservación e mellora.

0.15216493606567