Os Reis Magos percorrerán Culleredo cunha Cabalgata que combina zona urbana e rural
Culleredo prepárase para recibir os Reis Magos cunha celebración chea de ilusión e actividades para todos os públicos. O vindeiro domingo 5 de xaneiro, a tradicional Cabalgata sairá ás 17:00 horas da avenida Juan Carlos I, en O Burgo, e percorrerá as principais rúas urbanas ata chegar á praza de Europa.
O percorrido inclúe puntos emblemáticos como Ángel Senra, avenida de A Coruña, praza de Galicia, Costa da Lonxa, Vilaboa, A Corveira, e outros barrios ata o destino final en O Burgo. Ademais, instalaranse Carpas de Nadal no Pazo de Villa Melania (Vilaboa) e na praza de Europa, con xogos e animación infantil todas as tardes ata o domingo.
Os Reis tamén visitarán os centros sociais do rural o mesmo día 5. As paradas inclúen O Noso Lar (17:00), Orro (17:45), Ledoño (18:10), Sueiro (18:45), Sésamo (19:20), Castelo (20:00) e Celas (20:30). En cada punto, os máis pequenos poderán compartir un momento inesquecible con Melchor, Gaspar e Baltasar.
O alcalde, José Ramón Rioboo, convidou á veciñanza a participar nesta xornada máxica, destacando que “os Reis Magos sempre se senten ben recibidos en Culleredo grazas á calor das súas rúas”.