Os puntos violetas de Oleiros deron apoio a máis de 1.200 persoas durante as festas do verán
O Concello de Oleiros, en colaboración coas comisións de festas, habilitou puntos violetas en todas as celebracións do municipio durante a primavera e o verán. En total, estes puntos estiveron operativos en 28 verbenas e festas, atendendo a 1.211 persoas: 768 mulleres e 443 homes. O servizo estivo dispoñible entre as 23:00 e as 3:00 horas, ampliando o horario ata as 3:30 nas festas de Santa Cruz.
Os puntos violetas forman parte da estratexia do Concello para previr e combater a violencia sexual, a LGTBIfobia e outras formas de violencia machista. Estes espazos contan con profesionais especializadas que ofrecen atención psicolóxica ás vítimas de agresións e información sobre os recursos dispoñibles a nivel municipal. Ademais, realizan labores de sensibilización sobre estas temáticas entre o público asistente.