Os Premios RAGC-UIE recoñecen a sete investigadores mozos das Universidades de Santiago, A Coruña e Vigo

GaliciaXa | TerraChaXa | ACoruñaXa
Os premios principais foron para Verónica Bolón, Laura Castro e María Barreiro, e os accésit para Manuel Souto, Ismael González, Lucía Díaz e Rubén Lado
investigadores-premiados-RAGC
9 Jun 2026

A Real Academia Galega de Ciencias e a Universidad Intercontinental de la Empresa acaban de resolver a segunda edición dos Premios RAGC-UIE para investigadoras e investigadores xoves. Estes galardóns teñen como obxectivo impulsar a investigación científica en Galicia, dando recoñecemento e potenciando as traxectorias de investigadoras e investigadores novos que desenvolven a súa carreira en centros da nosa comunidade. Distingue a contribución da investigación ao avance de tres ramas de coñecemento: Ciencias Básicas, Ciencias Sociais e Ciencias Técnicas. A UIE promove estes galardóns conxuntamente coa RAGC en virtude do seu compromiso coa excelencia e innovación académica e investigadora e a formación avanzada de investigadores e profesorado que desenvolve, así mesmo, a través do seu Instituto Universitario de Investigación (IUI), con sede en Santiago de Compostela.

Na categoría de Ciencias Básicas a galardoada é Verónica Bolón, pioneira en deseñar sistemas de intelixencia artificial sustentables; en Ciencias Técnicas distínguese a Laura Castro polo seu labor no campo das enerxías renovables mariñas; e en Ciencias Sociais o recoñecemento corresponde a María Barreiro, dedicada a axudar ás organizacións a ser máis sustentables. Cunha dotación de 5000 euros para cada un dos tres premios, concedéndose ademais varios accésits. Os galardóns entregaranse nun acto que se celebrará o vindeiro 18 de xuño en Santiago, no Centro Obra Social ABANCA.

Verónica Bolón forma parte do 2% de investigadores máis influentes a nivel mundial

No campo das Ciencias Básicas recoñécese á enxeñeira informática Verónica Bolón (Carballo, 1984), profesora da Universidade da Coruña, que desenvolve a súa actividade investigadora no Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial. Céntrase no deseño de sistemas de intelixencia artificial eficientes, capaces de equilibrar rendemento, custo computacional e impacto ambiental. Esta visión, que sitúa a sustentabilidade como eixe central do deseño algorítmico, é pioneira en España. Os resultados dos seus traballos téñense aplicado en ámbitos como o biomédico -diagnóstico de retinopatía do prematuro, enfermidades cardiovasculares ou trastornos do sono-, así como para a resolución de problemas ambientais e educativos. Forma parte do top 2% de investigadores máis influentes a nivel mundial segundo a Universidade de Stanford. É revisora habitual de programas do Consello Europeo de Investigación, o que implica avaliar proxectos de vangarda e contribuír á definición das prioridades científicas europeas. Dirixe a Cátedra UDC-Inditex de Intelixencia Artificial en Algoritmos Verdes. Ademais, desenvolve tarefas de asesoramento institucional en intelixencia artificial -en particular para a Comisión Europea-, forma parte do comité de expertos para o asesoramento en IA en Galicia e é membro do comité do laboratorio de ideas da AESIA (Axencia Española para a Supervisión da IA).

Manuel Souto (Valencia, 1988), investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago, recibiu un accésit. Investiga en novos materiais máis sostibles con aplicacións en almacenamento enerxético. Na actualidade céntrase no desenvolvemento de baterías máis eficientes e sostibles, baseadas en eléctrodos orgánicos, fronte ás baterías de litio convencionais, que usan elementos críticos como o cobalto.

Outro dos accésit foi para Ismael González (O Rosal, 1988), do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC. Afonda nos mecanismos neuroendocrinos que controlan o metabolismo. Nesta liña, descubriu que os estróxenos actúan no hipotálamo para incrementar a temperatura corporal e xerar saciedade. En relación á regulación hipotalámica do peso corporal, os seus traballos supuxeron un notable avance no coñecemento dos mecanismos fisiopatolóxicos da obesidade. Ademais, en colaboración co Hospital Clínico de Santiago, describiu por primeira vez a dinámica da activación do tecido adiposo marrón nos neonatos, fundamental para lograr a súa supervivencia nas primeiras semanas de vida.

Laura Castro, a catedrática de Construcións Navais máis nova de España

No campo das Ciencias Técnicas distínguese á investigadora da Universidade da Coruña Laura Castro (Betanzos, 1985), que desenvolve o seu labor no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) de Ferrol. A súa traxectoria céntrase no estudo técnico-económico das enerxías renovables mariñas: enerxía eólica mariña, enerxía undimotriz, sistemas híbridos de enerxía mariña e enerxía solar mariña. Traballou en sistemas de ancoraxe para plataformas mariñas de enerxía renovable. Na actualidade é investigadora principal de tres proxectos: un nacional no que se está a desenvolver unha ferramenta para planificar o almacenamento de enerxía procedente de fontes de enerxía mariña renovables en España; outro europeo sobre a xestión de riscos para a produción estable, segura e sostible de hidróxeno verde utilizando enerxía eólica mariña; e outro tamén europeo para a mellorar a eficiencia enerxética en Xeorxia, Acerbaixán e Ucraína. É a única catedrática na área de Construcións Navais en Galicia e a máis nova de toda España. Desde 2019 participa como avaliadora de proxectos de investigación da Unión Europea, do Ministerio de Ciencia e Innovación, da Autoridade de Enerxía Sostible de Irlanda e do Ministerio de Innovación, Ciencia e Tecnoloxía de Israel.

Concedeuse un accésit a Lucía Díaz (Vilalba, 1985), profesora do Departamento de Deseño na Enxeñaría da Universidade de Vigo. Investiga no eido da dixitalización da contorna construída para crear espazos máis seguros, intelixentes e sostibles. Tamén analiza o espazo urbano co obxectivo de comprender a súa influencia sobre o ser humano, de interese, por exemplo, para mellorar a accesibilidade. Ten desenvolto proxectos internacionais -cunha captación para a UVigo de máis de 3,5 millóns de euros-, boa parte deles centrados no mantemento intelixente de infraestruturas, a aplicación da circularidade e sustentabilidade na construción, ou a dixitalización de contornas urbanas co propósito de facilitar a vida de persoas con diversidade funcional.

María Barreiro centra as súas investigacións na procura da sustentabilidade

En Ciencias Sociais prémiase a María Barreiro (A Coruña, 1987), profesora da Universidade da Coruña e investigadora do centro de investigación interuniversitario ECOBAS, especializado no estudo da sustentabilidade. Traballou na Universidade de Gävle (Suecia) e na UNED. Durante os últimos dez anos, a súa investigación centrouse especialmente en economía circular, desenvolvemento económico e cuestións de xénero. Enfócase na busca de mecanismos que axuden ás organizacións a ser máis sustentables, tanto económica como ambiental e socialmente. Participou no proxecto europeo “ToNoWaste”, valorado en 6 millóns de euros, no que colaborou con 21 universidades e varias institucións de 7 países, co obxectivo de reducir o desperdicio de alimentos. É coordinadora do Green Campus da facultade de Economía e Empresa da UDC.

O accésit neste campo foi para Rubén Lado (Outes, 1989), profesor de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade de Santiago. Ao longo da súa carreira desenvolveu dúas grandes liñas de investigación: o estudo do efecto da localización empresarial sobre as variables económico-financeiras, con especial atención ao sector turístico-hoteleiro español; e a xestión de riscos empresariais nun contexto de crecente dixitalización e transición enerxética. Estas liñas conectan con problemáticas actuais como a sostibilidade, a intelixencia artificial e a automatización. É secretario do Centro de Estudos Turísticos (CETUR) da USC e investigador de ECOBAS.

0.12815308570862