Os Premios PEL baten o seu récord cunha convocatoria de 80.000 euros para impulsar o tecido empresarial

ACoruñaXa
A Deputación da Coruña abre a oitava edición destes galardóns con catro categorías, unha mención honorífica e un formato máis accesible para autónomos, microempresas e pemes da provincia
DIPU CORU premios pel
17 Apr 2026

A Deputación da Coruña puxo en marcha a oitava edición dos Premios PEL, unha convocatoria coa que busca recoñecer o talento empresarial da provincia e apoiar iniciativas capaces de xerar emprego, dinamizar o territorio e abrir novas oportunidades económicas. Esta edición reparte un total de 80.000 euros, a maior contía desde a creación dos galardóns.

O certame mantén o foco en persoas autónomas, microempresas e pequenas e medianas empresas con domicilio fiscal nalgún municipio da provincia. A convocatoria estrutúrase en catro categorías principais: 'Iniciativa emprendedora', para proxectos iniciados entre 2024 e 2026; 'Traxectoria empresarial', para negocios en marcha desde 2023 ou antes; 'Iniciativa territorio sostible', centrada en proxectos vencellados á transición ecolóxica, a economía circular ou a preservación do medio; e 'Iniciativa empresarial singular', pensada para propostas creativas e con identidade propia. O xurado concederá ademais unha mención honorífica á mellor iniciativa transformadora do rural, sen candidatura previa nin dotación económica.

Cada unha das catro categorías principais terá, con carácter xeral, un premio de 20.000 euros. As bases tamén contemplan a posibilidade de conceder accésits cando a diferenza entre a primeira e a segunda candidatura sexa igual ou inferior a cinco puntos. Nese caso, o primeiro premio quedaría en 15.000 euros e o segundo levaría 5.000 euros.

A Deputación introduce ademais cambios para facer a convocatoria máis aberta e máis sinxela. As candidaturas deberán presentarse de forma telemática a través da plataforma SUBTeL e o prazo permanecerá aberto desde o día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia ata o 12 de maio ás 14.00 horas. A documentación esixida inclúe unha memoria de candidatura de ata cinco páxinas e unha ligazón a un vídeo explicativo cunha duración máxima de dous minutos.

Coa nova edición, os Premios PEL reforzan a súa posición como un dos principais escaparates institucionais para visibilizar proxectos empresariais da provincia, nun momento no que a Deputación quere poñer o acento tanto na innovación como no vínculo co territorio e no papel do rural como espazo de emprendemento. Segundo a información oficial da convocatoria, máis de 570 entidades presentáronse ás sete primeiras edicións, nas que se repartiron 497.000 euros.

0.11912894248962