Os populares reclaman que se constitúa a Sociedade Xestora da Cidade das TIC na Coruña
O Grupo Popular reclamou ao Goberno municipal da Coruña que constitúa de inmediato a Sociedade Xestora da Cidade das TIC, aprobada en pleno hai case un ano, e que explique os motivos polos cales aínda non se levou a cabo a súa creación.
O portavoz do Grupo Popular, Miguel Lorenzo, manifestou a súa preocupación polos continuos atrasos no desenvolvemento deste proxecto clave para a cidade. Lorenzo lembrou que en novembro de 2023, o pleno aprobou a creación da Sociedade Xestora cun capital de 660.000 euros, dos cales o Concello tería o 51 %.
“Por que non se creou desde entón? Que está a pasar para que aínda non se formalizase ante notario?", preguntou Lorenzo, esixindo explicacións por parte do Goberno local.
Ademais, o portavoz popular subliñou que xa advertira da falta dun Plan Director e dunha estrutura de gobernanza clara. "A día de hoxe seguimos sen plan director e descoñecemos o modelo de gobernanza que se aplicará", afirmou.
Lorenzo tamén criticou a falta de transparencia sobre a financiación municipal destinada á Cidade das TIC, que inclúe 13,1 millóns de euros para servizos e subministracións. Destacou que, ata o momento, só se aprobaron 3 millóns de euros nun convenio en 2022, dos cales 2 millóns aínda están pendentes de pago.
En relación á financiación estatal, Lorenzo denunciou que, segundo o plan estratéxico, o Estado debería aportar 43 millóns de euros para a rehabilitación das naves, pero a súa contribución actual limítase a cobrar 260.000 euros anuais en concepto de alugueiro durante 50 anos, o que suma un total de 13 millóns de euros. "O goberno socialista do Estado cobra, pero non achega máis fondos", criticou.
Por último, o Grupo Popular destacou que a Cidade das TIC se mantén grazas á aportación da Xunta de Galicia, cun total de 10,9 millóns de euros, e da Deputación. Lorenzo acusou ao Goberno municipal de non cumprir as súas promesas e advertiu que "A Coruña precisa crecer e avanzar, pero está sen rumbo e sen futuro baixo a actual xestión".