Os populares de Oleiros denuncian que o alcalde tenta silenciar á oposición
O Partido Popular de Oleiros denuncia que o alcalde deu un salto cualitativo cun novo intento de silenciar aos grupos da oposición no seu labor de control ao Goberno local coa medida que pretende aprobar no próximo Pleno e coa que quere limitar a un máximo de dous as mocións que pode presentar cada grupo municipal.
Dende a bancada dos populares afirman estar convencidos de que esta medida supón un paso máis nunha escalada que parece non ter fin. "A non aceptación de rogos e preguntas, se non son por escrito e con anterioridade á celebración do Pleno, engádese o rexeitamento de todo tipo de mocións, con independencia do seu número, en función de criterios caprichosos sobre a urxencia nos que o equipo de Goberno acaba pasando o rodete e quitándose de encima algo tan elemental e básico como o debate municipal", sinalan.
“O Partido Popular de Oleiros denuncia a medida que pretende aprobar o alcalde, en primeiro lugar porque supón unha vulneración do dereito de participación da cidadanía a través das representación política que exercen os concelleiros; e en segundo lugar, pola súa arbitrariedade escandalosa e desproporcional na que, na práctica, da igual ter un ou cinco concelleiros, xa que o límite de mocións a presentar por cada grupo é de dous”, declarou Loli Silva, portavoz municipal do Partido Popular.
“Agora máis que nunca é necesaria noso labor de control ao Goberno local, cando nos atopamos ante uns últimos acontecementos que resultan alarmantes para os veciños de Oleiros: contribucións de Mera que hai que devolver, concursos de limpeza viaria que hai que repetir, adquisicións de parcelas municipais vinculadas ao goberno municipal que hai que vixiar, etc.”, concluíu a súa declaración a portavoz dos Populares, Loli Silva.