Os populares de Culleredo piden convocar as subvencións pendentes de 2023 e 2024

ACoruñaXa
A portavoz Izaskun García critica a falta de apoio ao tecido asociativo e denuncia o incumprimento dos acordos plenarios
Imaxe da Escada en Culleredo
13 Nov 2024

A portavoz do Partido Popular de Culleredo, Izaskun García, criticou duramente a falta de apoio do Concello ao tecido asociativo e instou ao alcalde, José Ramón Rioboo, a convocar urxentemente as subvencións comprometidas para as asociacións de Culleredo, pendentes desde 2023. García cualifica a situación de "grave desamparo" para as asociacións culturais, sociais, deportivas, educativas e veciñais, que non reciben axudas desde a última convocatoria de decembro de 2022, deseñada en resposta á crise da Covid-19.

En setembro de 2023, o PP presentou unha moción no pleno para que se creasen unha ou varias liñas de axudas para comezos de 2024. A moción foi aprobada por unanimidade, pero, segundo a edil popular, o acordo foi "incumprido completamente" polo alcalde. "É fundamental que as asociacións poidan programar as súas actividades con antelación e con recursos asegurados", apuntou García, destacando que outras administracións xa publicaron as súas bases de axudas para 2025, mentres que Culleredo non ten convocatorias abertas desde 2022.

A voceira popular tamén denunciou a falta de axudas para os comedores escolares, cuxa lista de beneficiarios provisionais do curso 2022/23 non se fixo pública ata febreiro de 2024. Ademais, destacou que a convocatoria correspondente ao curso 2023/24 segue sen publicarse, afectando ás familias que contan con estas axudas para cubrir parte dos gastos do comedor.

A situación levou a García a acusar ao equipo de goberno de "descoido" e "falta de capacidade" para xestionar os recursos públicos en favor do tecido asociativo. "O abandono do que son obxecto as asociacións de Culleredo desde que José Ramón Rioboo é alcalde é inaceptable e está a dificultar o labor social e comunitario que moitas entidades realizan sen máis recursos que os que o Concello lles debería proporcionar", engadiu García.

0.1880669593811