Os populares da Coruña piden ao Goberno municipal que retomen as obras nas Casas de Franco

ACoruñaXa
O partido denuncia que a paralización dos traballos impide o paso a persoas maiores e con discapacidade e reclama información para a veciñanza
Imaxe das Casas de Franco no Ventorrillo na Coruña
12 Nov 2024

O Grupo Municipal Popular solicitou no último Pleno que o Goberno local retome canto antes as obras paralizadas nas Casas de Franco, ao tratarse dun proxecto que está a impedir a circulación normal das persoas maiores e con discapacidade pola zona.

Despois de numerosas mobilizacións, os veciños lograron que a alcaldesa, Inés Rey, aceptase varias das súas propostas en materia de accesibilidade, xa que o proxecto inicial fora impulsado sen consenso. A obra comezou en setembro de 2023, pero quedou en suspenso debido ás protestas veciñais. A día de hoxe, segue sen retomarse á espera de modificar o proxecto inicial e atender tamén as obras da rede eléctrica.

Durante este tempo, a falta dunha acera en condicións ten deixado a rúa cuberta de barro e restos de terra, dificultando a mobilidade dos residentes. Por isto, o PP solicitou no Pleno que se facilite información aos veciños sobre a previsión de reactivación das obras e que se adopten medidas provisionais para paliar o impacto da súa paralización na zona.

0.19167900085449